O conselleiro do Medio Rural visitou esta mañá a aldea modelo de Moreda, onde se instalará unha explotación en extensivo de porco celta en ecolóxico

A Xunta promove actuacións de recuperación e anticipación aos incendios forestais na zona do Courel

José González puxo en valor as diversas obras de emerxencia realizadas para recuperar os montes na zona do Courel, onde se executaron traballos de mulching, arranxo de pistas e drenaxes varias por importe de case 800.000 euros

En canto á madeira queimada, estanse a rematar as poxas relativas á madeira comercial procedente dos montes de xestión pública

No tocante ás axudas de medidas urxentes para a reparación de danos causados polos incendios do verán de 2022, a Consellería aprobou nesta comarca do Courel achegas por importe de preto de 500.000 euros, entre achegas forestais, apícolas e gandeiras

Sobre medidas a medio e longo prazo, o conselleiro destacou a aposta do seu departamento pola recuperación de soutos de castiñeiros e a implantación de actividade agrogandeira tradicional en extensivo

Folgoso do Courel (Lugo), 31 de marzo de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, achegouse a este municipio lugués onde puxo en valor as distintas actuacións de recuperación e anticipación aos incendios forestais levadas a cabo aquí.

Neste senso, o conselleiro sinalou que o seu departamento puxo en marcha diversas obras de emerxencia para recuperar os montes afectados polos lumes do verán de 2022 en Galicia. Aquí no Courel, dixo, a Consellería destinou preto de 800.000 euros en traballos de mulching (acolchado) de palla, acondicionamento de pistas forestais e outras actuacións. Precisamente, os traballos de solta de palla executáronse no seu día de acordo coas indicacións dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que previamente realizaron a inspección, avaliación e localización das áreas de actuación preferente.

Ademais, o titular de Medio Rural tamén fixo referencia á retirada da madeira comercial queimada. Así, sinalou que se están rematando as poxas de madeira procedente dos montes de xestión pública.

Por outra banda, o conselleiro lembrou que no marco das axudas de medidas urxentes para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, o seu departamento aprobou nesta comarca do Courel achegas por importe de preto de 500.000 euros, entre axudas forestais, apícolas e gandeiras. Así mesmo, José González sinalou que, en breve, sairá unha nova liña de axudas que complementará ás anteriormente citadas para garantir a replantación de soutos de castiñeiros afectados por eses lumes do pasado verán.

No tocante a medidas a medio e longo prazo, o titular de Medio Rural expuxo que a recuperación de soutos de castiñeiros -o primeiro que se executará será o Souto de Vilar- e a implantación de actividade agrogandeira tradicional en extensivo -como a actuación levada a cabo no pasto de Seceda- permitirán evitar incendios forestais e protexer os núcleos de poboación.

Aldea modelo de Moreda

No transcurso da visita a este concello lugués, o conselleiro achegouse á aldea modelo de Moreda, clave para a dinamización do rural e a anticipación aos incendios forestais. Esta aldea conta cunha superficie de 38,86 hectáreas, con 73 parcelas de 44 propietarios. A súa futura actividade produtiva rexerase entre o aproveitamento gandeiro en extensivo, combinado con outras actividades como apicultura, cultivo de produtos de horta e árbores froiteiras.

En concreto, implantarase como actividade principal unha explotación de porco celta ecolóxico en extensivo. Con iniciativas coma esta conséguese loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións

En máis de ano e medio, a Xunta mobilizou arredor de 10.000 hectáreas a través de 21 aldeas modelo e outros tantos polígonos agroforestais en Galicia, ademais de mediante permutas, para poñer en valor as nosas terras e revitalizar o rural galego.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2023