A Xunta incrementa ata os 2,6 M€ as axudas á valoración e á segunda transformación da industria forestal madeira e do Contract

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural
 

Por primeira vez neste tipo de convocatorias, establécense cinco liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos
 

Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas da industria forestal e do contract radicadas en Galicia, así como as asociacións, organizacións e entidades sen ánimo de lucro ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

A Xunta convoca este ano 2,6 millóns de euros para o período 2023-2024,un 30% máis que nos últimos exercicios. Por primeira vez neste tipo de convocatorias, establécense ademais cinco liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural.

 

Así, a primeira abrangue a competitividade e valoración, vencellada á compra de nova maquinaria para procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabados da madeira. Mentres, a segunda refírese a todo o relativo á compra e venda de maquinaria vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción, co obxectivo neste caso de consolidar o segmento do contract en Galicia como punteiro a nivel internacional, competindo coas súas propostas de equipamento integral para uso colectivo por diversos proxectos en materia de retail, horeca (hoteis, restauración e cafeterías) e iates/superiates en diferentes países do mundo. Cabe apuntar que ambas as dúas liñas inclúen obras, instalacións ou bens de equipo necesarios para os proxectos en cuestión.

 

Por outra banda, a terceira liña abrangue o relativo á mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables ou solucións a través de servizos de deseño, desenvolvemento e implementación de estratexias mediante a avaliación e análise de retos empresariais encamiñados a mellorar a produtividade dos procesos industriais, o desenvolvemento de novos produtos/solucións ou á diversificación a través de novos modelos de negocio.

 

Mentres, a cuarta refírese a certificacións da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental; a informes, servizos, bens, equipos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e medioambientais, entre outros; e a ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado. Por último, a quinta liña abrangue as cuestións vencelladas coa seguridade e a saúde na contorna laboral, como a implantación e certificación de estándares de seguridade e a creación de servizos mancomunados.

 

Canto aos beneficiarios destas axudas, serán as pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract radicadas en Galicia que utilicen madeira e os seus derivados, como a resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para a liña referida á seguridade e saúde na contorna laboral, tamén poderán ser beneficiarias, entre outras, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e presten estes servizos ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

 

A convocatoria establece unha reserva mínima de importes para cada unha das liñas citadas. En calquera caso, se non houbese suficientes solicitudes para cubrilas, estes remanentes orzamentarios pasarían a outras liñas con maior demanda.

 

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá, día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia.

 
A Axenda de impulso da industria forestal-madeira

Estas axudas enmárcanse na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta contemplada dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e deseñada conxuntamente cos principais axentes deste eido para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

 

Para acadar estes obxectivos, definíronse catro eixes fundamentais, relativos á mellora do capital humano a través da formación, ao impulso da innovación, á cooperación e valorización e á competitividade, desenvolvemento e diversificación do sector. A través destes eixes e dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.

 

Ligazón á orde de axudas:

Data de actualización: 31/03/2023