O presidente da Xunta participou esta tarde na inauguración do hotel Pepe Vieira en Poio (Pontevedra)

Rueda destaca a importancia dos hostaleiros galegos para situar a comunidade como destino turístico e gastronómico de referencia

Enxalza a ambición dos profesionais por sacar o mellor beneficio dos produtos do país e aproveitar toda a súa calidade

Garante o compromiso do Executivo a través de medidas como o 2º Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino, que supoñerá un investimento de 34,5 M€ desde este ano e ata o 2025 para modernizar o sector en Galicia

Poio (Pontevedra), 30 de marzo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde na inauguración do hotel Pepe Vieira en Poio a importancia dos profesionais da hostalaría galega para situar a comunidade como referencia nacional e internacional no sector turístico e gastronómico. 

Logo de acadar a súa segunda estrela Michelín en decembro do 2022, o restaurante Pepe Vieira estrea unha sección de hotel con 14 habitacións. Durante a inauguración destas novas instalacións, Rueda agradeceulle ao chef Xosé Cannas a súa aposta pola innovación primeiro na cociña e desde agora no turismo de descanso. 

O presidente atribuíu o éxito cultural, turístico e gastronómico de Galicia á ambición de proxectos como o do Pepe Vieira, un exemplo de como sacar o mellor beneficio dos produtos do país e aproveitar toda a súa calidade.

Nesta liña, manifestou o apoio e o compromiso da Xunta co sector a través de medidas como o 2º Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino, que supoñerá un investimento de 34,5 M€ desde este ano e ata o 2025. O principal obxectivo deste proxecto pasa por modernizar e potenciar o desenvolvemento da enogastronomía en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023