A Xunta participa en Bruxelas na conferencia anual do pacto das alcaldías, baixo o lema "As cidades na primeira liña fronte á crise enerxética"

A Unión Europea seleccionou recentemente a Galicia como exemplo de coordinación desta iniciativa propoñendo extrapolar o seu modelo a outros países

 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023  A Xunta de Galicia participou na conferencia anual do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, baixo o lema As cidades na primeira liña fronte á crise enerxética, na que se abordou a gobernanza multinivel que se está levando a cabo a través desta iniciativa de cara a que todos os concellos da Unión Europea adheridos consigan os obxectivos ambientais marcados.

 

No marco da estratexia de tomar medidas a nivel local para conseguir eses obxectivos ambientais a nivel global, salientouse o papel que teñen as administracións locais á hora de impulsar cambios no comportamento dos cidadáns xa que teñen competencias en materia de mobilidade, política urbanística, xestión dos ciclos da auga e residuos, que son claves para a racionalización do consumo de enerxía e a redución da emisión de gases. Nesta liña, a Xunta tivo a oportunidade de coñecer de primeira man exemplos de políticas que se están a poñer en marcha desde o ámbito local no eido da eficiencia enerxética.

 

Ademais, este encontro propiciou o intercambio de impresións co vicepresidente da Comisión Europea, Frans Timmermans; coa comisaria de Enerxía, Kadri Simon, e co presidente do Comité das Rexións, Vasco Cordeiro.

 

Cómpre lembrar que a Unión Europea seleccionou recentemente a Galicia como exemplo de coordinación do Pacto das Alcaldías propoñendo extrapolar o seu modelo a outros países. De feito, Galicia conta con 285 municipios adheridos a esta iniciativa -máis do 92% do total de concellos galegos-, dos que o 87% xa deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible para o que contaron con 1,3 millóns de euros en axudas da Xunta.

 

A maiores, a delegación galega tamén aproveitou para facer fincapé na importancia das políticas públicas levadas a cabo na Comunidade para loitar contra o cambio climático como a Alianza Galega polo Clima, a futura Lei do clima autonómica ou o proxecto de compra pública innovadora de SICLE-CO2.

 
Data de actualización: 30/03/2023