A Xunta salienta que o recoñecemento europeo aos hubs de innovación dixital estratéxicos de Galicia facilitará a transformación das pemes galegas

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou a contribución destes instrumentos á internacionalización da I+D+i galega e ao acceso do tecido empresarial a recursos da contorna europea


 DATAlife presentou hoxe o seu recoñecemento como hub europeo de innovación dixital, dotado con 5,5M€, co obxectivo de favorecer a implantación de tecnoloxías dixitais nas empresas e aumentar a súa competitividade
 

 Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou este mediodía na clausura da xornada de presentación do recoñecemento como hub europeo de innovación dixital do EDIH DATAlife na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela. Argerey destacou que o recoñecemento da Comisión Europea aos hubs de innovación dixital estratéxicos de Galicia respalda a aposta da Xunta por este novo instrumento que funciona como “xanela única” para acompañar ás empresas nas súas necesidades de transformación dixital.

A directora de Gain apuntou ademais que este recoñecemento supón unha dobre oportunidade para o ecosistema galega de innovación: por un lado, reforzando o posicionamento internacional dos hubs estratéxicos galegos avánzase na internacionalización da I+D+i galega e na consolidación da Marca Galicia tamén no ámbito da I+D+i; e, por outro lado, facilitando o acceso do tecido empresarial galego aos recursos que precisen nos seus procesos de transformación dixital e, polo tanto, contribuíndo así á competitividade da economía galega.

A aposta da Xunta de Galicia polos hubs de innovación dixital, que está aliñada coas estratexias a nivel europeo e español, mantense na nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que inclúe como unha das tres prioridades transversais da política de I+D+i de Galicia, xunto á sustentabilidade e o enfoque cara ás persoas, a dixitalización.

EDIH DATAlife

O proxecto de hub europeo de innovación dixital EDIH DATAlife, que arrincou o pasado 1 de xaneiro, céntrase na implantación de tecnoloxías disruptivas con gran potencial para aumentar a competitividade das empresas e da administración pública, pero pouco estendidas na actualidade. Para iso, ofrecerá un catálogo de servizos gratuítos dirixido ás pemes para facilitar o coñecemento e adopción destas tecnoloxías, como asesoramento para a súa implantación, probas de concepto de Intelixencia Artificial, Computación de Altas Prestacións ou Internet das cousas, etc. O hub tamén mapeará continuamente solucións e provedores dixitais dispoñibles comercialmente para complementar a oferta tecnolóxica.

 

EDIH DATAlife está formado por un consorcio de 15 membros do ecosistema de innovación galego formado por institucións de investigación, científicas e centros tecnolóxicos, agrupacións industriais sectoriais, un centro de transferencia de coñecemento, dúas universidades e unha empresa tractora. Representan a todos os axentes da demanda, a oferta e a transferencia de tecnoloxía.

 

Dotado con 5,5 millóns de euros para os próximos tres anos, a misión do EDIH DATAlife e os seus socios de proxecto será a de facilitar a adopción destas novas tecnoloxías polas pemes, as grandes empresas e o sector público de Galicia. Ademais, fomentará a creación de espazos de datos federados e a súa explotación colaborativa e recollerá as demandas formativas para mellorar as habilidades dixitais e o uso de tecnoloxías disruptivas. Todo iso en sectores das cadeas de valor que cobre DATAlife: agro-mar alimentación, forestal-madeira, biotecnoloxía e saúde-coidados.

Data de actualización: 30/03/2023