A directora xeral de Innovación Educativa da Xunta destaca o dinamismo do CEIP Plurilingüe da Laxe (Marín), que se suma aos Polos Creativos

Salienta as posibilidades que estes espazos supoñen para que o alumnado desenvolva as súas competencias STEM

Marín (Pontevedra), 30 de marzo de 2023

A directora xeral de Ordenación e innovación Educativa, Judith Fernández, participou na inauguración do Polo Creativo do colexio CEIP Plurilingüe da Laxe, en Marín. A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou as posibilidades que estes espazos supoñen para que o alumnado desenvolva as súas competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía e Matemática), así como habilidades como a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades.

Así mesmo destacou o dinamismo deste centro que, ademais de neste programa, participa noutros como E-Dixgal, Radio na Biblio, o Plan Proxecta ou Observa_Acción, entre outras iniciativas.

O de Marín forma parte do total de 225 Polos Creativos implantados por primeira vez no presente curso (218 en colexios e institutos e sete nos Centros de Formación do Profesorado das catro provincias), aos que o Goberno galego destina un orzamento de 8M€.

Para isto habilítase un espazo físico específico, unha organización didáctica e a dotación de equipamento especializado para configurar, en cada colexio ou instituto, un centro de actividades que busca incrementar as competencias dixitais e científico-tecnolóxicas do alumnado.

No caso do CEIP Plurilingüe da Laxe, organizaron o Polo Creativo en tres espazos diferenciados: manipulativo, robótico e audiovisual. Están dotados con material especializado, como impresora 3D, diferentes construcións, plotter, pantalla interactiva, croma, radio, audiovisuais, diferentes tipos de robots... Con estes espazos e esta dotación de recursos o alumnado pode realizar prácticas de investigación e experimentación cunha visión ampla do coñecemento e dos retos dos campos do saber: desde as humanidades, ás matemáticas, pasando pola arte ou as ciencias sociais e naturais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023