A Xunta destaca a aposta de Pasek pola minería sustentable

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou hoxe en Cariño no acto de entrega da certificación UNE de xestión de minería sustentable a esta empresa

Cariño (A Coruña), 30 de marzo de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, destacou esta mañá en Cariño, o compromiso de Pasek pola implantación de criterios de sustentabilidade que fixo posible que hoxe se lle entregase a certificación UNE 22480:2019 de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable.

 

No acto, o director xeral explicou a aposta que desde a Administración galega se está facendo por desenvolver este tipo de procesos que recibiron un impulso grazas ao convenio nesta materia firmado en 2021 coa Cámara Oficial Mineira de Galicia. Fernández Vila tamén lembrou as liñas de axudas -abertas ata o 14 de abril- para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial no sector dos recursos minerais. Neste sentido, desde 2022, unha das convocatorias está destinada a apoiar ás empresas do sector mineiro que realicen investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480 e 22470 de xestión sustentable. Todas estas actuacións enmárcanse na Axenda da Minería Sustentable de Galicia.

 

O director xeral indicou que, con Pasek, Galicia xa conta con 10 empresas certificadas ou en proceso, o que a sitúa como Comunidade pioneira no compromiso coa sustentabilidade ao contar co maior número de empresas con esta certificación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023