A Xunta adxudica por case 96.000 € a redacción dos proxectos para rehabilitar 2 edificios no casco histórico de Ferrol e destinalos a vivenda pública

Os inmobles, situados nas rúas Merced 20 e Merced 22-esquina Carme Curuxeiras 36-38, foron adquiridos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo no marco do programa Rexurbe

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de case 96.000 euros, o contrato de redacción dos proxectos e de dirección das obras para rehabilitar dous edificios localizados nas rúas Merced 20 e Merced 22-esquina Carme Curuxeiras 36-38, no barrio de Ferrol Vello.

Ambos edificios foron adquiridos no seu día polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no marco do chamado programa Rexurbe, unha iniciativa impulsada no ano 2018 co obxectivo de facilitar a compra de inmobles deteriorados ou en estado de abandono en centros históricos para rehabilitalos e destinalos despois a alugueiro social.

Neste sentido, cómpre lembrar que Ferrol é o municipio galego de referencia do Rexurbe, no marco do cal xa se adquiriron ata o momento un total de 22 inmobles —esta mesma semana asináronse as escrituras de compravenda de 3 edificios en Ferrol Vello— e está prevista a compra doutro máis, que abrangue dous números.

De todos os inmobles que ten o IGVS na cidade, un xa está rehabilitado e os restantes atópanse en diferentes fases de licitación ou de adxudicación das obras, salvo os tres que acaban de adquirirse.

Así mesmo, a Xunta dispón nestes momentos dun total de 86 inmobles adquiridos en toda Galicia no marco do programa Rexurbe, dos cales 18 xa están completamente rehabilitados. Ademais, como resultado das ofertas recibidas a raíz da convocatoria do ano pasado, ten en trámite de adquisición outros 5, polo que a previsión é poder chegar este ano a un total de 91 inmobles no conxunto da Comunidade.

Data de actualización: 30/03/2023