Rueda anuncia que a Xunta reforzará nun 50 % o parque público residencial de Galicia ata alcanzar as 5600 vivendas en 2026

Resalta que “é unha prioridade” para o Goberno galego ante “os altos prezos dos alugueiros e a escaseza de inmobles no mercado”

Subliñou que aos preto de 3800 inmobles que hai na actualidade, se engadirán “algo máis de 1800” nos vindeiros catro anos de nova construción, de titularidade municipal ou rehabilitados en centros históricos

O Consello coñeceu hoxe a estratexia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para desenvolver vivenda pública e protexida nos vindeiros catro anos

Ademais de aumentar a súa oferta pública residencial, o Goberno galego impulsará a construción de vivenda protexida, poñendo á disposición de cooperativas e promotores solo residencial xa urbanizado e promovendo novos desenvolvementos en parcelas da súa propiedade ou en colaboración con concellos onde haxa demanda

Todas estas actuacións enmárcanse no Pacto social pola vivenda impulsado en 2021 e suporán un investimento de case 250 M€, dos cales a Xunta achegará preto do 70 %
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego quere incrementar o parque público residencial de Galicia nun 50% para acadar as 5600 vivendas no ano 2026. “Na actualidade hai 3.800 vivendas e o obxectivo é incorporar algo máis de 1800 inmobles” nos vindeiros catro anos, resaltou o titular do Executivo autonómico, quen lembrou que facilitar o acceso á vivenda “é unha prioridade” da Xunta, especialmente no contexto actual “con prezos de alugueiros altos e escaseza de inmobles no mercado”.

Rueda explicou que, para cumprir esta meta, a Xunta vai reforzar a súa aposta polo desenvolvemento de inmobles de promoción pública a través de diferentes vías, ao tempo que impulsará a construción de vivendas protexidas por parte de promotores privados e cooperativas, para o que porá á súa disposición solo residencial da súa propiedade alí onde se concentra a maior demanda.

Estas son as liñas básicas da estratexia deseñada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que hoxe foi aprobada polo Consello e que, segundo adiantou Rueda, contará cun orzamento global “de case 250 millóns de euros”, dos que “o 70% son fondos propios da Xunta e o 30% restante financiarase a cargo dos fondos Next Generation”.

Cómpre lembrar que o parque público da Xunta está integrado nestes momentos por 3788 vivendas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur, que se adxudican en réxime de alugamento a prezos accesibles e regulados entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Galicia.

Neste sentido, as dificultades para acceder a unha vivenda —que é unha das principais preocupacións da cidadanía—, a suba dos prezos dos alugueiros e a escaseza de inmobles dispoñibles no mercado, unidos á alta demanda de vivenda pública en réxime de arrendamento que se desprende das estatísticas do referido rexistro, fan necesario desenvolver actuacións decididas para facer fronte a esta situación e ofrecer solucións que respondan de forma efectiva á dinámica actual da oferta e da demanda.

Para reforzar o parque residencial da Xunta, destinado maioritariamente ao alugamento, o obxectivo da Consellería en materia de vivenda de promoción pública —aquela que executa directamente a través do IGVS sobre solo público- é incorporar algo máis de 1800 inmobles á oferta actual, o que suporía incrementar en case un 50 % o número de vivendas que ten en propiedade a día de hoxe.

En concreto, tal e como explicou o presidente, o maior reforzo virá da man de obras de nova construción: “959 vivendas promovidas polo IGVS nas grandes cidades galegas, e outras 260, por promotores privados e concellos” grazas ás novas axudas convocadas en febreiro para edificar vivendas destinadas a alugamento social en edificios enerxeticamente eficientes.

Así mesmo, Rueda indicou que se vai seguir apostando pola rehabilitación a través de dous programas de éxito, como son o Rexurbe, creado en 2017 para comprar edificios e soares en estado de abandono en centros históricos para rehabilitalos co fin de obter 157 vivendas, e as axudas para recuperar inmobles e edificios de propiedade municipal, que permitirán sumar ao parque destinado a alugamento social en concellos de menos de 20.000 habitantes 331 vivendas.

Ademais, o presidente explicou que a oferta inmobiliaria se completará “coas 125 vivendas que a Xunta mercou ou vai adquirir a Abanca e á Sareb”.

En todo caso e de forma complementaria, tamén se lle dará un grande impulso á vivenda protexida, é dicir, aquela construída sobre solo residencial público pero promovida por empresas privadas ou cooperativas. Concretamente, a Xunta porá á disposición dos promotores interesados en facer vivendas de protección oficial o solo urbanizado que ten dispoñible: 17 parcelas con capacidade para máis de 1000 vivendas.

Por outra banda, seguirase traballando no acondicionamento de solo en Vigo (con case 1600 vivendas públicas e protexidas previstas en San Paio) e na Coruña (promovendo o cambio de uso a residencial de dous quinteiros, en Xuxán, para incrementar en ao redor de 500 as vivendas proxectadas neste barrio). Así mesmo, planificaranse novos desenvolvementos de solo público da man dos concellos para destinalos a vivenda alí onde haxa demanda.

Pacto social pola vivenda, a folla de ruta para seguir

A Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia enmárcase no acordo subscrito a comezos do ano 2021 entre a Xunta e os principais axentes públicos e privados implicados no sector residencial da Comunidade.

O chamado Pacto social pola vivenda 2021-2025 constitúe, desde entón, a folla de ruta para seguir no relativo ás políticas de vivenda e solo da Comunidade. Para tal fin márcanse catro grandes liñas estratéxicas de actuación.

A primeira delas céntrase no acceso á vivenda e canalízase a través da estratexia da cal tomou razón hoxe o Consello da Xunta. A execución de todas as actuacións e programas recollidos nela, co fin de reforzar a actual oferta de vivenda protexida na Comunidade (tanto de promoción pública como privada), requirirá dun investimento global estimado en algo máis de 247 millóns de euros.

Desta contía a maior achega será a da Xunta de Galicia, que asumirá con fondos propios preto do 70 % do investimento previsto de aquí ao ano 2026 —é dicir, case 170 millóns de euros—. Así mesmo, outros 58,5 millóns de euros procederán da Unión Europea a través do programa Next Generation UE, mentres que os 20 millóns restantes serán fondos finalistas do Goberno central.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023