A Xunta inviste máis de 4,5 M€ en 443 estacións de quirófano para continuar coa actualización dos bloques cirúrxicos do Sergas

Rueda resalta que “todos os hospitais públicos galegos” contarán con este equipamento de última tecnoloxía

Os novos dispositivos permitirán que o persoal de cirurxía poida acceder de forma áxil á imaxe dixital médica dentro dos quirófanos e á historia clínica dos pacientes e rexistrar as diferentes variables dos procesos cirúrxicos

Subliña que ata o de agora a Xunta “investiu máis de 29,5 millóns de euros” en actuacións de mellora para os bloques cirúrxicos dos hospitais do Sergas, nun programa que superará os 36 millóns de euros, unha vez que se complete
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou na súa reunión semanal destinar máis de 4,5 millóns de euros (4.529.453 euros) a adquirir un total de 443 estacións de quirófano de última tecnoloxía cos que a Xunta continúa coa actualización dos bloques cirúrxicos do Servizo Galego de Saúde. “Vanse renovar practicamente as estacións de todos os quirófanos e todos os hospitais públicos, desde os máis grandes ata os comarcais, van contar con novas estacións de alta resolución”, resaltou.

Rueda subliñou que esta medida enmárcase no programa de renovación e actualización da tecnoloxía dos quirófanos do Sergas que a Xunta está a levar a cabo desde 2021. Nese período “investíronse xa 29,5 millóns de euros” e o obxectivo é superar os 36 millóns en melloras destas instalacións hospitalarias, explicou.

Nas intervencións cirúrxicas, tanto o persoal médico como o de enfermaría precisan dispor de estacións nos quirófanos para realizar a súa actividade. “Son espazos que permiten aos sanitarios consultar o historial clínico ou ver as imaxes médicas do paciente durante o proceso de intervención”, sinalou o presidente. Porén, dentro do Programa de actualización de equipamento da Xunta, o Executivo galego acordou a substitución do equipamento actual por unha nova infraestrutura que tecnoloxicamente permitirá axilizar e optimizar as diferentes accións que se levan a cabo durante os procesos cirúrxicos.

En concreto, os novos bloques cirúrxicos permitirán: consultar a historia clínica do paciente durante as intervencións (alertas, resultados de probas etc.); axilizar o acceso á imaxe médica dixital necesaria no proceso cirúrxico; o rexistro do checklist cirúrxico (serie de normas para a seguridade das prácticas cirúrxicas que se verifican mediante unha lista de verificación); o rexistro na historia clínica dixital do paciente de todos os datos relacionados coa intervención (anestesia, procedementos, monitorización, transfusión, implantes...), ou o rexistro de todas as accións relacionadas coa intervención (identificación de mostras, rastrexabilidade do material cirúrxico utilizado etc.).

Programa integral de actualización dos bloques cirúrxicos

Coa luz verde ao expediente desta mañá, a Xunta continúa a avanzar co programa integral de actualización do equipamento dos bloques cirúrxicos de toda a planta hospitalaria do Servizo Galego de Saúde.

Así, ata o de agora xa adquiriu 37 equipos radiocirúrxicos con detector dixital plano (por un importe de 3.834.656 euros); 7 novos sistemas cirúrxicos robotizados da Vinci (por un valor de 11.616.000 euros); renováronse 97 lámpadas cirúrxicas e 57 mesas cirúrxicas (cuxo importe conxunto supera os 4,1 millóns de euros); actualizáronse os sistemas de anestesia do conxunto de hospitais públicos galegos (por un importe de 4.921.070 euros), e dotou o Hospital Público do Salnés dunha nova central de esterilización para o bloque cirúrxico, mediante un investimento de 567.732 euros.

Ata o de agora a Xunta investiu máis de 29,5 millóns de euros en actuacións destinadas aos bloques cirúrxicos dos hospitais do Sergas. Así, está previsto realizar novas licitacións para esta mesma función, por un importe próximo aos 6,5 millóns de euros.

Estas actuacións son susceptibles de financiamento ao 100 % pola Unión Europea no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de COVID-19.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023