Luis López destaca o impulso do deporte base, a inclusión, o emprendemento, a cultura e as accións veciñais cos 3 M€ do Plan Social de ENCE

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra presentou hoxe esta iniciativa social xunto ao director territorial de ENCE en Galicia, Antonio Casal, no edificio administrativo de Benito Corbal

“O comité de seguimento entre a Xunta e a compañía actuou con celeridade e conseguimos sacar as bases en apenas seis semanas co único obxectivo de beneficiar canto antes a clubes, asociacións e outras entidades”, sinalou o representante autonómico

Luis López convidou a participar aos colectivos e ás persoas físicas e xurídicas interesadas de Pontevedra, Marín e Poio para que presenten os seus proxectos entre o martes 11 de abril e o 10 de maio

Pontevedra, 30 de marzo de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou o “forte impulso” que recibirán o deporte base, a cultura, as accións veciñais, o emprendemento e o fomento da inclusión co Plan Social de ENCE para Pontevedra, Marín e Poio, que volve a estar dotado con 3 millóns de euros.

 

O representante autonómico e o director territorial de ENCE en Galicia, Antonio Casal, presentaron hoxe esta iniciativa social no edificio administrativo de Benito Corbal e deron a coñecer tanto a contía como os prazos de presentación de proxectos, que se prolongarán entre o vindeiro martes 11 de abril e o 10 de maio.

 

“Presentamos este Plan Social con dous motivos de satisfacción. Por unha banda, a causa do mesmo, que é a continuidade da empresa na comarca de Pontevedra coa conseguinte importancia para a economía, a industria e o emprego e, por outra, os beneficios sociais directos para as entidades”, manifestou o delegado territorial.

 

O Plan Social destinará 900.000 euros ao deporte base, 600.000 euros para impulso ao emprendemento e a innovación, 530.000 euros para loita contra a exclusión, 400.000 euros para accións de recuperación da contorna, 300.000 euros para apoio á educación e a cultura e 200.000 euros para axudas veciñais, por só citar as partidas máis destacadas.

 

“Creo que estamos ante unha convocatoria moi celebrada e agardada porque vanse volver a financiar actividades moi relevantes que benefician aos nenos e á xente que o necesita, que coidan do noso medio ambiente, que impulsan o noso progreso ou que potencian hábitos tan saudables e formativos como o deporte”, salientou Luis López, que tamén puxo en valor a axilidade deste proceso: “O comité de seguimento entre a Xunta e a compañía, á que lle queremos agradecer a súa implicación e compromiso, actuou coa máxima celeridade, conseguindo sacar as bases en apenas seis semanas dende que o Tribunal Supremo confirmou a súa continuidade e iso responde ao único obxectivo de beneficiar canto antes a clubes, asociacións e outras entidades”.

 

Por último, o representante autonómico convidou a todos os colectivos interesados a que participen nesta convocatoria, lembrando que poden optar a ela todas as persoas físicas e xurídicas de Pontevedra, Marín e Poio que conten cun proxecto das áreas obxecto de subvención e que para elo deberán cursar a súa solicitude a través da páxina web www.plansocialence.es.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2023