A Xunta licita por 2,2 M€ as actuacións de mellora de 51 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade de Lugo

As paradas de autobús que se van acondicionar están situadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia

As intervencións inclúen a mellora da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas, a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas

As empresas interesadas en executar estas obras teñen ata o 26 de abril para presentar as súas ofertas

 Estas actuacións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia

 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 2.209.573 euros as actuacións de mellora da accesibilidade e conectividade de 51 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas ao paso das rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo.

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe o inicio da contratación desta actuación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de abril.

O obxecto deste contrato abrangue a mellora deste conxunto de 51 paradas de autobús situadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia.

A través do contrato licitado hoxe, a Xunta levará a cabo o acondicionamento de 30 paradas en Lugo; 5 en Xove; 4 en Castro de Rei; 2 en Riotorto; 2 en Outeiro de Rei; 2 no Vicedo; 2 en Cospeito; 2 en Begonte; 1 en Abadín; e 1 en Meira.

As intervencións proxectadas dotarán as paradas de autobús de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se inclúen obras para facilitar as manobras dos autobuses e favorecer a conectividade das paradas a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís.

Así mesmo, reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna, e actuarase mellorando a información e a sinalización.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Data de actualización: 30/03/2023