A Xunta destinará máis de 1,36 millóns de euros á redacción dos plans de seis parques empresariais

Permitirán a ampliación dos polígonos de Santiago de Compostela, Xove, A Estrada e O Pereiro de Aguiar e o desenvolvemento de novas áreas en Santa Comba e Mos

O Consello de Administración de Xestur autorizou hoxe licitar os contratos para a elaboración de cinco plans estruturantes e adxudicou tamén a redacción do sexto

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia redactará os plans estruturantes de ordenación de solo empresarial (PEOSE) para a ampliación dos parques empresariais de A Sionlla, A Estrada, Xove e Pereiro de Aguiar, así como para desenvolver o novo parque empresarial de Louredo (Mos), tal e como autorizou hoxe o Consello de Administración da empresa pública Xestur. Ademais, durante a reunión tamén se adxudicou a redacción do PEOSE correspondente ao polígono de Santa Comba.

 

O investimento total previsto por parte do Goberno galego para a elaboración dos seis instrumentos de planificación superará os 1,36 millóns de euros.

 

No caso de Santa Comba, Xestur adxudicou a redacción do PEOSE do parque empresarial á empresa Alfonso Botana S.L. por un importe de 192.226,65 euros, IVE incluído. Neste caso, o plan estruturante comprenderá un ámbito de 201.515 metros cadrados.

 

Por outra parte, acordouse sacar a licitación os contratos para redactar os plans correspondentes ás ampliacións dos polígonos de Santiago de Compostela, Xove, A Estrada e O Pereiro de Aguiar.

 

En concreto, no caso do parque da Sionlla, en Santiago de Compostela, a ampliación realizarase nunha superficie de máis de 400.000 metros cadrados e licitarase por un importe de 249.397,88 euros, IVE incluído.

 

Pola súa parte, a redacción do PEOSE que permitirá ampliar a área empresarial de Xove licitarase por 155.135,32 euros, IVE incluído. O novo ámbito deste parque industrial estendérase por unha superficie de 42.944 metros cadrados.

 

Así mesmo, na Estrada está prevista unha nova fase de desenvolvemento do polígono de Toedo que abranguerá máis de 161.000 metros cadrados. O contrato para a redacción do seu plan estruturante licitarase por importe de 189.939,01 euros, IVE incluído.

 

Finalmente, a ampliación do parque empresarial do Pereiro de Aguiar estenderase por unha superficie de máis de 203.000 metros cadrados e a redacción do seu plan estruturante sairá a licitación por 282.650,57 euros, IVE incluído.

 

Por outra parte, tamén se autorizou licitar o contrato para a redacción do PEOSE do novo parque empresarial de Mos, que se emprazará en Louredo e terá unha superficie prevista de preto de 480.000 metros cadrados. A redacción do referido plan licítase por importe de 290.309,04 euros IVE incluído.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023