A Xunta achega ás empresas coruñesas as ferramentas ao seu dispor para impulsar novos investimentos

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou nun almorzo organizado por Nordés Club Empresarial no que explicou o funcionamento da Oficina Galicia Empresa, a través da cal se ofrece orientación e asesoramento aos proxectos

A Coruña, 29 de marzo de 2023

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou hoxe na Coruña nun almorzo organizado por Nordés Club Empresarial no que achegou aos participantes as diferentes ferramentas que a Xunta de Galicia pon ao seu dispor para impulsar novas iniciativas. Así, Paula Uría sinalou que a través da Oficina Galicia Empresa se busca trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido empresarial e apoiar os seus investimentos, ofrecendo tamén orientación e asesoramento aos proxectos.

Na súa intervención tamén fixo referencia á Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece as figuras dos proxectos industriais estratéxicos, iniciativas empresariais prioritarias e proxectos de interese autonómico, contribuíndo a axilizar a tramitación das iniciativas.

 

Esta normativa enmárcase no compromiso de Galicia coa mellora regulatoria para captar novos investimentos, un camiño no que a Xunta vai da man cos Concellos Emprendedores, unha iniciativa na que xa colaboran preto da metade dos municipios galegos (153).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023