O avance nos traballos na autovía Tui-A Guarda entre os enlaces da A-55 e o polígono de Areas fan preciso un corte de tráfico na noite de hoxe

O corte, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55 comezará ás 10 da noite de hoxe e rematará ás 6 horas de mañá xoves

Este peche é necesario para a montaxe do segundo van do paso superior en forma de glorieta sobre a autovía, co fin de poder dar servizo aos ramais

Como itinerario alternativo, desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada PO-340, incorporándose á N-550 e logo á N-551 polo termo municipal de Tui, co mesmo percorrido en sentido O Porriño, pero á inversa

A Xunta avanza na execución da autovía Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a finais do verán tras un investimento que se eleva a 30 M€

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023 A Xunta segue a avanzar na execución das obras do treito da autovía Tui-A Guarda entre os enlaces da A-55 e do polígono de Areas, uns traballos que farán preciso un corte de tráfico nocturno hoxe.

Esta afección ao tráfico, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55, levarase a cabo desde as 22,00 horas de hoxe e ata as 06,00 horas de mañá, xoves, cando quedará restablecida a circulación.

Este corte é necesario para proceder á montaxe do segundo van de vigas metálicas do paso superior en forma de glorieta, sobre a autovía, co fin de poder dar servizo aos ramais, no tronco da autovía e a conexión coa N-551. 

Neste sentido, é preciso o corte total de ambas as calzadas da autovía durante esta noite para executar os traballos en condicións de seguridade e con menores afeccións ao tráfico. 

Co obxectivo de poder dar servizo a ambos os sentidos de circulación polo itinerario alternativo, desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada autonómica PO-340, incorporándose á N-550 e posteriormente á N-551, discorrendo polo termo municipal de Tui; sendo o mesmo percorrido en sentido O Porriño, pero á inversa. Este itinerario implica un tempo de percorrido de entre 8 e 10 minutos. 

A Xunta segue a avanzar nos traballos de execución da autovía Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a finais do verán, tras un investimento autonómico que se eleva a 30 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023