A Xunta entrega ao Concello de Betanzos o Plan director para o Parque do Pasatempo

O documento afonda no coñecemento do parque, nas súas condicións actuais e define as liñas de actuación para a súa conservación
 

Esta actuación enmárcase no compromiso do Goberno galego con este Ben de Interese cultural (BIC)
 

A Coruña,  29 de marzo de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua, entregaron, esta mañá, á alcaldesa de Betanzos, María Barral, o Plan director para o parque do Pasatempo, a folla de ruta para o mantemento e conservación preventiva deste espazo que, entre as súas propostas, incorpora novos usos compatibles cos seus valores culturais. O custo deste plan foi de máis de 84.000 euros que foron asumidos polo Goberno galego.

Como indicaron os representantes do Goberno autonómico este documento é froito do traballo emprendido nos últimos anos por parte da Xunta para a posta en valor do Parque do Pasatempo e que se iniciou coa declaración BIC deste espazo aprobada no ano 2020.

Trenor tamén lembrou o  investimento de 1,5 millóns de euros no desenvolvemento deste plan, dentro das achegas do Plan Xacobeo Next Generation. Estas actuacións licitaranse en maio e a previsión para o seu remate é de agosto de 2024.

Planificación global

O equipo técnico encargado da elaboración do Plan realizou un intenso proceso de investigación, inventario e análise de patoloxías, apoiado en probas para o estudo dos materiais, dos sistemas construtivos. Como resultado, o documento ofrece unha planificación global que ten en conta os elementos urbanísticos e arquitectónicos de Betanzos, entre outros aspectos, e conta con varias liñas de actuación.

Entre outras cuestións, inclúe unha proposta de plan de mantemento e conservación preventiva con actividades, actuacións e intervencións materiais periódicas que se consideran necesarias para garantir o mantemento e conservación do parque.

O documento tamén pon o foco nos usos do parque e define algunhas actividades futuras para o monumento sempre baixo criterios de compatibilidade cos seus valores culturais, incluíndo a organización de obradoiros e actividades que permitise darlle usos educativos, formativos e de investigación, entre outros.

O novo plan director ten, ademais, cun apartado de actuación en restauración e recuperación, accesos e accesibilidade, xardinería e paisaxe, instalacións e equipamento social, cultural e turístico. Entre elas, salienta un área de mantemento, un espazo de participación, entre outras. O Plan director do Pasatempo incorporou a investigación, o coñecemento e a participación veciñal.

Nesta intervención de urxencia do Parque do Pasatempo (Fase 5 do Plan Director), preténdense resolver as patoloxías mais urxentes do conxunto das instalacións e frear o seu proceso de deterioro.

As principais tarefas que se están levando a cabo nesta obra céntranse no Parque Enciclopédico e consisten na reparación do sistema hidráulico de captación e distribución de auga polos distintos estanques e fontes do Parque, na poda e traslado de certos exemplares de árbores de gran porte que están a poñer en risco a estabilidade de certas partes como grutas e muros de contención.

Ademais, o plan recolle a creación dun percorrido sinalizado e balizado que garanta a visita turística ou didáctica segura para favorecer o coñecemento entre a poboación deste singular ben patrimonial e unha intervención arqueolóxica no Parque Baixo na procura de restos existentes das principais estruturas nesta zona.

A proposta entregada hoxe ao Concello de Betanzos contempla ademais a restauración de elementos escultóricos nunha primeira fase de consolidación e tratamentos de urxencia como estabilizar xuntas, retirar plantas superiores, agarrar bordes e calquera acción reversible de urxencia que garanta a conservación preventiva.

Xardín histórico

O Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de xardín histórico, é un xardín eclético creado por Juan Naveira no que se mestura vexetación, arquitectura, escultura, pintura, enxeñería hidráulica, fontes e estanques, cunha vocación de parque temático e didáctico que responde á tradición filantrópica dos indianos que regresaron de América a finais do século XIX.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023