A Xunta pon en valor o proxecto SoNNMESyC de mobilidade sostible no que participan empresas galegas e confía en que se axilice o novo Perte do vehículo eléctrico

O novo proxecto tractor será beneficiario de 32,8 millóns de euros no marco do Perte VEC permitindo transformar a mobilidade no transporte de mercadorías e pasaxeiros, abordando a electrificación de autobuses, vehículos semipesados para usos especiais, e vehículos lixeiros, motocicletas e para repartición de última milla
 

A iniciativa inclúe actuacións nos eixos da circularidade das materias primas, a electrificación dos vehículos e a conectividade, e conta coa participación de máis de vinte empresas do sector presentes na cadea de valor da industria da automoción de oito comunidades autónomas, entre as cales figuran as empresas galegas Castrosúa, Little Cars e Urovesa
 

O Goberno galego agarda que no próximo reparto de axudas do Perte VEC os principais fabricantes de España, incluíndo Stellantis, atopen unha resposta aos seus plans de futuro
 

Madrid, 29 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia participou esta mañá no acto inaugural do proxecto Solucións ás novas necesidades de mobilidade eléctrica baseadas en criterios de sustentabilidade e conectividade (SoNNMESyC), que se lanza no marco do Programa de axudas á cadea de valor do Perte do Vehículo eléctrico e Conectado (Perte VEC) e que conta con representación galega.

Este proxecto tractor, promovido por Incotec e liderado polo Grupo SAPA, referente tecnolóxico en sistemas de mobilidade de vehículos pesados, recibirá un total de 32,8 millóns de euros da liña de actuación integral para o desenvolvemento e a fabricación do Perte VEC, dos cales 22,5 millóns de euros son axudas e 10,3 millóns préstamos .
 
O obxectivo de SoNNMESyC é transformar a mobilidade no transporte de mercadorías e pasaxeiros, abordando a electrificación de autobuses, vehículos semipesados para usos especiais, e vehículos lixeiros, motocicletas e para repartición de última milla.
A proposta céntrase en iniciativas que abarcan toda a cadea de valor do vehículo eléctrico e conectado, desde a fabricación de baterías ata o tren de potencia e outros sistemas como a recarga intelixente, a automatización de procesos de fabricación e a realidade aumentada.
 
Para acadar estas metas a iniciativa inclúe actuacións nos eixos da circularidade das materias primas, a electrificación dos vehículos e a conectividade. No proxecto participan 21 empresas do sector presentes na cadea de valor da industria da automoción de oito comunidades autónomas, entre as cales figuran as compañías galegas Castrosúa, Little Cars e Urovesa. Prevese un investimento próximo aos 64 millóns de euros cunha previsión de creación de 600 empregos directos e 2000 indirectos.
 
A Xunta de Galicia defende que, de cara ao próximo reparto de axudas do Perte VEC, os principais fabricantes de España, incluíndo Stellantis, poidan atopar unha resposta aos seus plans de futuro. No caso concreto da planta de Vigo está en xogo a súa competitividade e abaratar os custos de fabricación de vehículos.

Data de actualización: 29/03/2023