O Consello da Xunta aprobará en abril o proxecto de Lei de Artesanía co obxectivo de impulsar o sector como actividade económica sustentable

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Cambre os obradoiros de Gaitas Seivane e Laura Delgado Cerámica, no marco dos Días Europeos da Artesanía

Desde 2014 arredor da metade dos novos obradoiros que se rexistraron en Galicia responden a un perfil de novos talentos

Cambre (A Coruña), 29 de marzo de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que visitou hoxe en Cambre (A Coruña) os obradoiros artesanais de Gaitas Seivane e Laura Delgado Cerámica, informou de que o Consello da Xunta prevé aprobar en abril o proxecto de Lei de Artesanía, que ten entre os seus obxectivos deseñar un marco xurídico que se adapte á nova realidade do sector artesanal e impulse a súa importancia social, económica e patrimonial. De feito, a nova Lei está enfocada na potenciación da artesanía como actividade económica sustentable e busca ao mesmo tempo protexer a artesanía tradicional e os oficios que están vinculados a certas zonas de Galicia.

Segundo subliñou Conde, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, esta lei servirá para darlle resposta a algúns dos retos que afronta a Artesanía de Galicia, como o relevo xeracional, a innovación, a internacionalización ou a ampliación das canles de comercialización. Nestes momentos, estase a realizar un proceso de consulta co sector para recompilar achegas a través dos diferentes grupos de traballo.

Durante a súa visita, Conde destacou que o Obradoiro de Gaitas Seivane, con máis de 84 anos de historia, é un exemplo da excelencia, o talento e a calidade da Artesanía de Galicia, e que o apelido Seivane é unha marca recoñecida a nivel internacional que se identifica coa innovación e a mellora do instrumento desde o respecto á tradición. Esta empresa familiar conta co Premio Nacional de Artesanía e Álvaro Seivane recolleu en 2021 o Premio Artesanía de Galicia á súa traxectoria.

Neste momento, baixo a marca Artesanía de Galicia están rexistrados 831 obradoiros de 88 oficios diferentes, que xeran máis de 7.800 postos de traballo, e 33 establecementos que están adheridos como puntos de venda destes produtos (dun mínimo de cinco obradoiros). Desde 2014 arredor da metade dos novos obradoiros que se rexistraron en Galicia responden a un perfil de novos talentos, obradoiros que están achegando novas ideas, disciplinas, visións e modelos de negocio, ademais de impulsar a innovación a todos os niveis.

A tenda taller de Laura Delgado, que tamén visitou Conde, é segundo o vicepresidente primeiro un claro exemplo desta incorporación de talentos. Esta ceramista foi a gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022 e destaca pola súa visión innovadora de incorporar a Artesanía de Galicia a unha das últimas tendencias en gastronomía como é a coctelería, con pezas inspiradas no entroido tradicional da provincia de Ourense.

Días Europeos da Artesanía

Os Días Europeos da Artesanía celébranse ata o 2 de abril en 23 países europeos. En Galicia a Xunta, a través de Artesanía de Galicia, é a encargada de coordinar o programa de actividades, no que participan máis de 50 obradoiros e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía. Toda a información acerca deste evento pode consultarse na páxina web https://www.diasdelaartesania.es/

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2023