A Xunta abre o prazo mañá para que os concellos poidan optar aos premios Bandeira Verde de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca por cuarto ano consecutivo este distintivo co fin de poñer en valor o traballo e a implicación dos municipios máis comprometidos co coidado da paisaxe e do patrimonio natural


Como novidade, os galardoados terán vantaxe no acceso ás axudas autonómicas de residuos para construír e mellorar puntos limpos fixos, implantar instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización

 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023

A Xunta abrirá desde mañá e ata o vindeiro 30 de maio o prazo para que os concellos interesados poidan presentar a través da sede electrónica as súas candidaturas ao galardón Bandeira verde de Galicia, un distintivo creado no ano 2020 co fin de poñer en valor o traballo e a implicación do municipios galegos máis comprometidos co coidado da paisaxe e do patrimonio natural.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria deste premio, que como principal novidade, suporá este ano para as entidades locais galardoadas un mérito adicional aos efectos de obter algunha das subvencións que convocará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para financiar actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

Deste xeito, os concellos que acrediten ter a bandeira verde no momento en que soliciten axudas para construír ou mellorar puntos limpos fixos, implantar instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos, entre outras liñas de incentivos, recibirán unha puntuación adicional cando se valore o seu expediente.

Nas tres convocatorias anteriores xa se prevía que os municipios galardoados tiveran unha vantaxe á hora de optar a subvencións da Xunta en materia de patrimonio natural, polo que o feito de que este ano se incorpore a bandeira verde tamén como novo criterio a ponderar nas ordes de axudas de residuos de concorrencia competitiva, suporá un novo aliciente para animar aos municipios a presentarse.

Cómpre subliñar que esta iniciativa vai na liña dos principios inspiradores da Lei de protección da paisaxe de Galicia e se enmarca ademais na aposta decidida do Goberno galego polo fermosismo. O obxectivo principal do Instituto de Estudos do Territorio, organismo responsable da creación e xestión do distintivo, é recoñecer o traballo daquelas entidades locais que no marco das súas competencias destaquen polas súas boas prácticas ambientais e a prol da conservación e protección da paisaxe.

A de 2023 é a cuarta convocatoria consecutiva que se fai da Bandeira verde, un galardón que ademais do xa sinalado aspira tamén a servir de correa de transmisión entre o traballo das administracións locais e a implicación da veciñanza no coidado das súas contornas, incidindo en que tanto concellos como cidadáns deben estar comprometidos na preservación dos elementos naturais e paisaxísticos que os rodean.

Cómpre lembrar que en 2020, no marco da primeira edición, resultaron galardoados Porto do Son e Moaña, os únicos concellos que recibiron a bandeira verde os tres anos seguidos. Ademais destes dous municipios, en 2021 foron premiados Alfoz, Mondoñedo, Curtis, Parada de Sil, Outeiro de Rei, Ordes e Sober; e o ano pasado o IET distinguiu tamén a Mondoñedo, Parada de Sil, Ribadeo, Sober, Touro, Outeiro de Rei, Curtis, Ribeira, Ordes, A Laracha, Cervo, Muros e Alfoz.

Ademais das vantaxes xa sinaladas no acceso a determinadas subvencións, os concellos galardoados poderán utilizar o logotipo e lucir a bandeira verde durante un ano como símbolo e recoñecemento expreso ao seu compromiso medioambiental.

Data de actualización: 29/03/2023