O DOG tamén recolle a aprobación do expediente de información pública para executar estas actuacións, que suporán un investimento de máis de 1 M€

A Xunta publica hoxe a aprobación dos proxectos para mellorar 37 paradas de autobús en estradas autonómicas do Salnés

Acondicionaranse 14 paradas en Sanxenxo, 12 en Meis, 4 no Grove, 4 en Cambados e 3 en Meaño

As intervencións consistirán na dotación de marquesiñas, na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille ou no incremento da visibilidade e iluminación

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé licitar as obras nos vindeiros días, para comezar os traballos no outono
 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 37 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas do Salnés.

 

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 15 de marzo, no que tamén foi autorizado o trámite de información pública destas intervencións, que suporán un investimento de máis de 1 M€. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://acortar.link/kZYRTs

 

O proxecto relativo á zona oeste de acceso á cidade de Pontevedra abrangue intervencións en 14 paradas en Sanxenxo, 12 en Meis, 4 no Grove, 4 en Cambados e 3 en Meaño.

 

As obras consistirán na dotación dun equipamento de marquesiña con postes, bancos e apoio isquiático; na mellora da accesibilidade con ramplas e información en braille; e no incremento da seguridade coa eliminación da vexetación, mellora da visibilidade e da iluminación.

 

Ademais, os carrís dos apartadoiros configuraranse cunha anchura mínima de tres metros, sendo só inferior nos puntos nos que implique unha importante afección de parcelas ou edificacións. Os bordos dos itinerarios peonís, que terán unha anchura mínima de 1,8 metros, retranquearanse polo menos 35 centímetros respecto ás marcas viarias e, no caso de catro paradas, executaranse os muros de contención necesarios, de altura variable, entre 50 centímetros e 2 metros.

 

A Xunta prevé licitar as obras nos vindeiros días e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre, para comezar os traballos no outono.

 

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

 

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Data de actualización: 29/03/2023