A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da aprobación definitiva do proxecto para conformar un eixe de mobilidade sostible na estrada vella entre Pontevedra e Marín no treito que une Mollabao e Os Praceres, que suporá un investimento de case 6,7 millóns de euros.
A aprobación definitiva do proxecto, á que deu luz verde recentemente o Consello da Xunta, implica a declaración de utilidade pública. O investimento de 6,7 M€ inclúe o pagamento dos 39 predios precisos para actuar neste treito da vía autonómica, no concello de Pontevedra, co obxectivo de transformar a estrada e mellorar a súa funcionalidade, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público.
O obxectivo é executar un itinerario pola marxe dereita da PO-546, de 3,5 quilómetros de lonxitude e cun ancho que oscilará entre os 2,9 e os 4 metros, entre os puntos quilométricos 0+590 e 4+090.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar as obras en abril e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre deste ano, co obxectivo de comezar os traballos no outono. A intervención ten un prazo de execución de 18 meses.
O detalle das actuacións
En concreto, neste treito que comunica Mollabao e Os Praceres prevese a separación con respecto á estrada do trazado da senda na travesía da Gandarela, debido á falla de espazo entre as construcións existentes.
Habilitarase unha glorieta á altura da intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán coa PO-546, coa finalidade de reducir a velocidade dos vehículos que acceden á travesía da Gandarela procedentes de Marín e mellorar a seguridade no acceso a este centro.
Esta glorieta tamén facilitará o cambio de sentido dos vehículos procedentes de Marín que queiran acceder ao futuro aparcadoiro disuasorio tipo carpooling que a Xunta ten previsto executar na contorna do punto quilométrico 2+800 da estrada e ao que destinará un investimento de 500.000 euros.
Ademais melloraranse as paradas de transporte público, favorecendo a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra, e renovarase a iluminación no treito de actuación.
O proxecto recolle tamén distintas estruturas que redundan na mobilidade sostible, como a execución de dúas pasarelas a distinto nivel da senda peonil, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas, e a outra de 45 metros sobre O Sartán.
Tamén se executarán muros de sostemento, necesarios pola proximidade da vía do ferrocarril nalgunhas zonas, prolongando os xa existentes para poder lograr un ancho de senda adecuado e obter zonas amplas nas que se prevé a instalación dun parque infantil.
A intervención completarase coa dotación de zonas de esparexemento, destacando a habilitación dun miradoiro, no punto 1+050, aproveitando o espazo inutilizable na marxe dereita da calzada, cun pequeno parque infantil e zona verde que permita gozar das vistas da ría de Pontevedra.
Tras a análise das achegas recibidas, o departamento de Infraestruturas da Xunta prevé axustes que permitan mellorar a actuación e reducir a afección, nas que se incluirán pequenas variacións no deseño que permiten minimizar a afección nalgunhas fincas a expropiar.
Ademais mellorarase a parada de autobús situada no punto quilométrico 1+460, na marxe dereita da estrada, cunha zona de estacionamento para o autobús e un novo refuxio.
A solicitude dos veciños do Sartán, incorpórase na actuación unha nova zona de aparcadoiro en liña entre os puntos quilométricos 3+300 e 3+350, coa reserva dunha praza para unha persoa con mobilidade reducida.
No proxecto incluirase tamén a renovación da rede de augas fecais entre os puntos quilométricos 3+800 e 4, mellorando deste xeito a drenaxe das augas pluviais.
O Goberno galego segue avanzando no impulso da conformación deste novo eixe de mobilidade peonil-ciclista que conectará Marín coa cidade de Pontevedra, comunicando comunicar os puntos de interese ao longo do eixe oeste-este, tales como o porto, os servizos administrativos da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos.
A actuación entre Mollabao e Os Praceres compleméntase coas xa executadas no treito urbano de Marín, en convenio entre Xunta e Concello; coa que está en execución da 1ª fase de acondicionamento en Estribela, en Pontevedra; cunha 2ª fase de Estribela; así como co proxecto para rematar os treitos urbanos de Marín, cuxas obras se licitarán nas vindeiras semanas.
Ademais, o eixe de mobilidade sostible Pontevedra-Marín completarase coa instalación dun aparcadoiro disuasorio en Pontevedra que terá 71 prazas de estacionamento.
O Goberno galego completará así un investimento de case 10 millóns de euros que está xa a transformar esta antiga estrada entre Pontevedra e Marín nun verdadeiro eixe de mobilidade sostible.
Estas actuacións impúlsanse ao abeiro dos fondos europeos Next Generation a través dos cales o Goberno galego segue a traballar no obxectivo do fomento dunha mobilidade sostible nas cidades galegas, con diversas liñas de intervención.