Alfonso Rueda recibiu ao representante diplomático do Reino de Suecia en España, Teppo Tauriniainen

O presidente da Xunta e o embaixador de Suecia en España avanzan no fortalecemento das relacións institucionais e económicas no marco da axenda europea

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o embaixador de Suecia en España, Tepp Tauriniainen, avanzaron hoxe no fortalecemento das relacións institucionais e económicas entre os dous territorios no marco da axenda europea. O mandatario galego recibiu ao máximo representante diplomático do Reino de Suecia en España, un encontro marcado polo próximo recambio na presidencia da Unión Europea, que finalizará no mes de xuño para dar o testemuño a España.

As relacións comerciais entre Suecia e Galicia veñen marcadas por un incremento das exportacións nun contexto favorable para a Comunidade, tendo en conta que no ano 2022 foron 197 as empresas galegas que exportaron a Suecia, un 8,2 % máis que o ano anterior. Suecia é, ademais, un dos países que tradicionalmente ofrecen aos galegos oportunidades de traballo e de negocio no exterior, agora con novos retos tanto no eido das infraestruturas e da vivenda como no transporte de enerxía e nas enerxías renovables.

O turismo é tamén un sector con múltiples posibilidades, xa que a poboación sueca ten en España, en xeral; e en Galicia, en particular, un dos seus destinos preferidos, o que se constata tamén na afluencia de peregrinos no Camiño de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023