A Xunta adapta desde o 11 de abril os itinerarios das liñas de autobús afectadas polas obras na avenida das Pías de Ferrol mentres duren os traballos na estrada estatal

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade consensuou as solucións propostas co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, co Concello de Ferrol, coa asociación de veciños de Caranza e coas concesionarias do transporte público

As modificacións estarán vixentes mentres estea cortada a avenida das Pías, a estrada FE-14, que o Ministerio de Transportes estima ata mediados de maio de 2024

As liñas que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo accederán directamente á AP-9 desde a estación de autobuses

O resto das liñas engaden no novo percorrido paradas na avenida de Esteiro, na rúa Telleiras e na avenida Castelao, ademais da parada Mercado Recimil nas liñas que teñen cabeceira na praza de Galicia

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023 A Xunta adaptará desde o 11 de abril os itinerarios das liñas de autobús afectadas polas obras na avenida das Pías de Ferrol mentres duren os traballos de mellora da seguridade viaria na estrada FE-14, de competencia estatal.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade consensuou as solucións para os desvíos temporais nos servizos de transporte público co Ministerio de Transportes, Mobilidade, e Axenda Urbana, co Concello de Ferrol e coa asociación de veciños de Caranza, nunha xuntanza na que se avaliaron as alternativas para o conxunto das liñas.

Ademais, para o deseño dos axustes temporais acordados que estarán vixentes mentres estea cortada a estrada FE-14, que o Ministerio de Transportes estima que será ata mediados de maio de 2024, tamén se tiveron en conta as achegas das empresas operadoras dos servizos, que forman parte de sete concesións do transporte público interurbano.

En conxunto, as adaptacións cumpren o dobre obxectivo de manter, cando é posible, paradas próximas ás que existen nos itinerarios habituais para facilitar o acceso ao autobús e, á vez, evitar que os cambios na circulación dos autobuses afecten ao tráfico da cidade.

Así, as liñas que conectan Ferrol con Pontedeume, Betanzos, A Coruña, Santiago e Vigo, tanto as que realizan o seu percorrido por estrada como as que son directas pola AP-9, sairán e chegarán á estación de autobuses de Ferrol directamente desde a autoestrada.

O resto das liñas, que teñen como cabeceira a estación de autobuses ou a praza de Galicia, realizarán un percorrido alternativo ao treito cortado da avenida das Pías empregando a rúa Telleiras e a avenida Castelao. Todas as liñas incorporan as paradas de Esteiro, Telleiras e Casa do Deporte en sentido de entrada á cidade e as paradas Esteiro, Antonio Escaño e Caranza-Mercado no sentido de saída. Ademais, os servizos con cabeceira na praza de Galicia engadirán tamén a parada Mercado Recimil nos dous sentidos.

Con estas adaptacións, as novas paradas engadidas, que xa se atopan en funcionamento noutras liñas, sitúanse a uns cinco minutos a pé das paradas da avenida das Pías, co que se trata de seguir garantindo un acceso cómodo dos usuarios ao transporte público.

Ademais destas medidas que comezarán o día 11, a Xunta tamén acordou co Ministerio de Transportes, co Concello de Ferrol e coa Asociación de Veciños de Caranza que os servizos Caranza-praza Vella (liña C para os usuarios) se manterán sen cambios ata que a ponte de Caranza se corte definitivamente. Nese momento, o percorrido realizarase pola rúa Telleiras, a avenida de Castelao e avenida do Mar.

A información relativa aos novos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 28/03/2023