A Xunta promove a formación especializada dos xerentes das asociacións de comerciantes para reforzar a competitividade do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, entregou hoxe os diplomas do curso de dixitalización, vendas e promoción en espazos comerciais no que participaron medio cento de profesionais de centros comerciais abertos

Para impulsar o labor das asociacións de comerciantes, a Administración autonómica activou este ano dous programas por 2,75 millóns de euros cos que se financiarán diferentes iniciativas de dinamización

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, entregou hoxe os diplomas do curso de dixitalización, vendas e promoción en espazos comerciais no que participaron medio cento de empregados e xerentes de centros comerciais abertos de toda Galicia. A iniciativa, organizada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, realizouse respondendo ás achegas do propio sector, e desenvolveuse de xeito virtual do 7 de novembro ao 13 de febreiro. O obxectivo é contribuír a reforzar a competitividade do comercio galego achegando formación especializada aos profesionais que xestionan as asociacións locais do sector.

Para impulsar o labor deste tipo de entidades, a Administración autonómica activou este ano dous programas por 2,75 millóns de euros cos que se financiarán diferentes iniciativas de dinamización comercial. Estas convocatorias, en fase de avaliación de solicitudes, buscan colaborar cos centros comerciais abertos e as federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal no impulso ao comercio de proximidade galego.

 

Por unha banda, destínanse 2,25 millóns de euros para os centros comerciais abertos, que contarán con axudas de ata 52.000 euros, en función do número de comercios asociados, apoiando así ás asociacións que atraen un maior número de negocios. Entre as actuacións subvencionables atópanse o mantemento de portais de marketplace e iniciativas de dinamización comercial e de fidelización da clientela, ademais do mantemento da unidade xerencial. Por outra banda, o programa destinado ás asociacións de ámbito superior ao municipal e federacións conta cun orzamento de 500.000 euros. Entre as actuacións subvencionables atópanse as campañas e eventos de promoción e dinamización comercial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023