A Xunta executa as obras de rehabilitación integral do CEIP Paradai de Lugo, ás que destina 932.000 euros

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, destaca que os traballos servirán para mellorar a eficiencia enerxética e as condicións xerais do centro

Lugo, 28 de marzo de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a executar as obras de rehabilitación integral do CEIP Paradai de Lugo, ás que destina 932.600 euros.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe o colexio para comprobar a marcha dos traballos, que buscan “mellorar as condicións xerais do centro, en especial o confort do alumnado e do profesorado e a eficiencia enerxética”, apuntou.

Subliñou que con esta actuación acadarase un aforro enerxético anual do 37,40 % en consumo de enerxía e do 38,60 % en emisións de CO² no edificio de Infantil; mentres que no edificio principal o aforro será do 28,50 % e do 29,60 %, respectivamente.

En canto ás obras que se acometen, destaca a substitución das carpinterías exteriores por outras que ofrecen maior estanquidade, con sistema de apertura oscilobatente e vidro dobre con cámara de aire. Tamén se mudan varias carpinterías exteriores e mellórase o illamento térmico.

No tocante á iluminación, instálanse equipos LED de alta eficiencia que incorporan regulación lumínica e detectores de presenza en zonas comúns. Ademais, está previsto mellorar o sistema de calefacción, pulir os solados de terrazo e renovar a pintura tanto no interior como nos soportais exteriores.

No bloque principal, entre as obras previstas destaca a substitución da cuberta de lousa por unha de panel sándwich e a renovación de lucernarios, canlóns e baixantes; ademais da reforma de aseos, a colocación dunha nova rampla de acceso na entrada principal e a instalación dun ascensor.

No que respecta ao edificio de Infantil, melloraranse as aulas coa construción de novos baños, a instalación de falso teito e a colocación de pavimento de PVC. Tamén se acondicionarán aseos xa existentes e dotarase o soportal exterior dun solado continuo de caucho.

Arias apuntou que os traballos están enmarcados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que busca facer os centros educativos máis sustentables desde o punto de vista medioambiental e máis confortables para a comunidade educativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023