A Xunta participa na presentación do novo modelo de visualización de datos estatísticos na web da Oficina de Acollida ao Peregrino

A directora de Turismo de Galicia indicou que aporta datos de gran relevancia para poder coñecer o perfil do peregrino que chega a Santiago

Nava Castro indicou que grazas a este novo modelo de datos, pódese ver en https://oficinadelperegrino.com/estadisticas-2/, información como a procedencia, idade, sexo, motivos, lugar de saída, ou se o fan a pé, bicicleta ou cabalo

Lembrou que a Xunta xa está traballando coa mirada posta no vindeiro Xacobeo coa aprobación do Plan Director ata o 2027 como a folla de ruta que guiará as actuacións nas rutas xacobeas ata o próximo Ano Santo

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación do novo modelo de visualización de datos estatísticos na web da Oficina de Acollida ao Peregrino, onde indicou que aporta datos de gran relevancia para poder coñecer o perfil do peregrino que chega a Santiago e recolle a Compostela. 

Nava Castro indicou que grazas este novo modelo de datos pódese ver en https://oficinadelperegrino.com/estadisticas-2/, de maneira moi concisa e moi doada datos como a  procedencia dos peregrinos. Por exemplo, que agora están chegando a Santiago máis peregrinos internacionais que nacionais, xa que no que vai de ano chegaron 12.796 persoas das cales o 54% son internacionais. E datos como que, a estas alturas do ano nos visitaron un 32% máis de peregrinos que nas mesmas datas do ano pasado. Tamén se poden consultar datos como a  súa idade, sexo, motivo polo que fan o Camiño, se chegan a pé, bicicleta, cabalo, entre outros. 

A directora de Turismo subliñou que son datos relevantes que aportan información como que houbo persoas que fixeron o Camiño solos procedentes de Roma, a República Checa, Granada ou Cáceres. Ou tamén, por citar algún exemplo, que de Ferrol saíron 646 persoas, de Porto 1.341 e de Sarria case o 35% do total, 4.386 persoas. 

Nava Castro indicou que estes datos axudan a facer unha radiografía xeral dos peregrinos e axudan a que se poida ter unha visión global dos que chegan a Santiago. Ademais lembrou que hai que ter en conta que ademais dos que aquí se rexistran está calculado que arredor dun 30% non recollen a credencial. 

“Así poderemos facernos unha idea das razóns que levan a cada peregrino a botar a andar polas diferentes rutas xacobeas, xa sexa por motivos relixiosos, espirituais, por facer deporte, por aventura, por facer turismo, por  reencontrarse coa natureza ou por compartir unha xornada cos amigos”, rematou Nava Castro.

Ademais, lembrou que a Xunta xa está traballando coa mirada posta no vindeiro Xacobeo coa aprobación do Plan Director ata o 2027 como a folla de ruta que guiará as actuacións nas rutas xacobeas ata o próximo Ano Santo. Este Plan marcará as directrices para a conservación do Camiño de Santiago, desde melloras no trazado, sinalización, conservación e recepción ata aspectos relacionados co seu estudo como fenómeno singular e singular. Dobra o orzamento con respecto ao anterior, chegando aos 141,4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023