O conselleiro de Educación comproba o resultado da actuación neste centro

A Xunta completa a rehabilitación integral do instituto Pino Manso cun investimento de 1,2 M€

Román Rodríguez afirma que esta obra supón “elevar a 2,6 M€” o investimento realizado polo Goberno galego nos sete centros educativos de Porriño

As actuacións neste instituto dirixíronse, principalmente, á mellora do confort térmico da comunidade educativa coa renovación de cubertas e fiestras, e da accesibilidade

A obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que se están a renovar as instalacións dos centros para adaptalas ás novas necesidades

O Porriño (Pontevedra), 28 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras de rehabilitación integral do instituto IES Pino Manso, no Porriño, nas que o seu departamento investiu preto de 1,2 M€. “Unha actuación enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a renovar as instalacións dos centros educativos para adaptalas ás novas necesidades do século XXI en termos como a amplitude, a flexibilidade dos espazos ou a eficiencia enerxética, entre outros”, explicou o conselleiro. O plan conta cun orzamento de 191 M€ ata 2024.

“Esta obra supón, ademais, elevar a 2,6 M€ o investimento realizado polo Goberno galego nos sete centros educativos cos que conta este concello do Porriño”, destacou o conselleiro. Así mesmo, lembrou que neste municipio, no IES Ribeira do Louro, se imparte este ano por primeira vez o único ciclo en Galicia de grao medio en Pedra Natural, na modalidade Dual, ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería e o Cluster do Granito.

Renovación da envolvente

“No caso deste centro de Porriño, actuouse principalmente para mellorar o confort da comunidade educativa”, sinalou. Neste sentido, mudáronse todas as cubertas, incluíndo tamén os canlóns e baixantes, e aplicouse un sistema de illamento térmico exterior ás fachadas. Tamén se cambiou toda a carpintería exterior por unha nova con rotura de ponte térmica e vidros dobres e renováronse as persianas e as súas caixas, colocando unhas novas de aluminio con illamento térmico de poliuretano.

A rehabilitación integral do centro incluíu tamén traballos para mellorar a súa accesibilidade coa execución de tres ramplas para a eliminación de barreiras arquitectónicas e tamén cambios na distribución da planta semisoto, entre outras actuacións. Como actuación complementaria, estase instalando un ascensor no instituto

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023