A conselleira do Mar inaugurou o II Salón Internacional da Industria Acuícola, AquaFuture Spain´23 e realizou un percorrido pola feira

A Xunta destaca a feira AquaFuture como chave para fortalecer a competitividade sustentable do sector galego de cultivo de produtos do mar

Rosa Quintana destacou a aposta firme da Xunta polo desenvolvemento desta actividade apostando sempre polo diálogo, atendendo ás exixencias das novas formas de alimentación e á sustentabilidade medioambiental e socioeconómica

Explicou que a acuicultura é un complemento necesario da industria extractiva e que esta conxugación pasa por impulsar novas formas de traballar tendo en conta a innovación e o crecemento sustentable

Silleda (Pontevedra), 28 de marzo de 2023 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Silleda a importancia de AquaFuture Spain para fortalecer a competitividade sustentable do sector galego de cultivo de produtos do mar. Así o destacou durante a inauguración da segunda edición deste salón internacional que se celebra desde hoxe ata o xoves 30 de marzo na Feira Internacional de Galicia Abanca e onde estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

Ademais a titular de Mar fixo fincapé no valor deste foro para captar clientes e obter novas ideas de traballo así como para recoñecer a acuicultura de Galicia en todo o mundo pois nel conflúen centros de investigación, institucións, asociacións e produtores. Nesta liña, Rosa Quintana sinalou que se trata dun escenario para dialogar e reflexionar con todos estes axentes sobre o presente e futuro da actividade. Unha cuestión, incidiu, na que é necesario “que cada un asuma o seu papel e faga autocrítica” para poñer luz no desenvolvemento do sector.

Entre os temas a abordar están os relacionados cos instrumentos de financiamento, a economía circular aplicada, a internacionalización do mercado, a sustentabilidade e o cambio climático e as solucións tecnolóxicas nas cadeas de transporte e distribución. Ante estes retos e para dar resposta ás exixencias das novas formas de alimentación, puntualizou a conselleira, a aposta de Galicia é firme e “sen perder de vista a protección dos recursos naturais pois no mundo do mar hai sitio para todos e no da acuicultura e os seus recursos tamén”.

Neste camiño hai que atender ao sistema de produción de modo que sexa sustentable nos eidos medioambiental e socioeconómico, advertiu a conselleira. Ao mesmo tempo explicou que o cultivo de recursos mariños é un complemento necesario da industria extractiva e esta conxugación, salientou, “pasa por impulsar novas formas de traballar que pivoten sobre os eixos da innovación e o crecemento sustentable”.

En relación con estas premisas para impulsar a actividade acuícola, Rosa Quintana subliñou que a innovación representa un xeito altamente eficiente de producir proteína animal cunha baixa pegada de carbono e que a sustentabilidade mitiga os efectos do cambio climático para os sistemas de produción de alimentos.

Ademais engadiu que as consideracións de Galicia sobre o futuro da acuicultura están recollidas no ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Común de Pesca. Nel a comunidade galega defende a importancia de que a futura reforma teña en conta a promoción do desenvolvemento sustentable da acuicultura. Neste sentido, Rosa Quintana reivindicou a necesidade de que a Unión Europea favoreza o desenvolvemento sustentable deste sector estratéxico no marco do Pacto Verde Europeo para dar resposta á crecente demanda global de produtos do mar.

AquaFuture Spain

O Salón Internacional da Industria Acuícola, AquaFuture Spain, conta cunha ampla exposición comercial a través da participación de 160 empresas de arredor de 25 países de Europa, Asia, Latinoamérica, Norteamérica ou Sudáfrica, ademais de organismos oficiais e institucións públicas.

O certame compleméntase cun amplo programa de xornadas técnicas impartidas por varios conferenciantes e con temáticas de grande interese, co obxectivo de promover a innovación e a transferencia de coñecemento. Tamén se desenvolverán presentacións de produtos, servizos, proxectos e realizaranse sesións de cociña ao vivo.

A Consellería do Mar participa neste certame cun posto propio que ocupa 200 metros cadrados de forma expositiva, que albergará a oito entidades coexpositoras e no que se desenvolverán dúas demostracións de cociña no marco da campaña GALICIA SABE AMAR, o que permitirá degustar receitas elaboradas con produtos cultivados na comunidade como o Mexillón de Galicia e tamén de conservas de peixes.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 28/03/2023