Galicia asinará un acordo con Asturias, Cantabria e Castela e León para impulsar a mobilidade e o transporte sustentable no noroeste

Colaborarán na promoción, no impulso e desenvolvemento das infraestruturas necesarias para a mobilidade e o transporte sustentables nas súas principais vías de conexión, garantindo a subministración enerxética, fundamentalmente eléctrica, con hidróxeno ou combustibles alternativos

Buscaranse alianzas con outras administracións e axentes; a colaboración con centros e empresas tecnolóxicas para o fomento de proxectos de I+D+I, o que reforzará, ademais do desenvolvemento industrial, a competitividade e a cadea de valor asociada ao sector da mobilidade e o transporte

Asegurarase que esta iniciativa ofreza novas oportunidades no rural en áreas como o turismo, produción agraria, operación e mantemento e xestión de residuos

Esta iniciativa enmárcase tanto na Axenda Enerxética de Galicia 2030 como na Estratexia Galega de Mobilidade, así como nas axendas rexionais das outras comunidades

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Oviedo no ‘eMobility Challenges 2023: O futuro da mobilidade no corredor atlántico’

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia firmará un protocolo de colaboración cos gobernos de Asturias, Cantabria e Castela e León para o impulso da mobilidade sustentable do noroeste. O obxectivo é dotar este territorio dun elemento vertebrador que favoreza a descarbonización do transporte. Búscase garantir que os potencias usuarios das vías do noroeste de España dispoñan das infraestruturas necesarias para unha adecuada subministración enerxética adaptada ás diferentes alternativas de propulsión dunha mobilidade e transporte cada vez máis libre de emisións. 

As catro comunidades autónomas coinciden na necesidade de colaborar para despregar unha adecuada rede de infraestruturas para a subministración enerxética destinada tanto á propulsión eléctrica como ao hidróxeno e outros combustibles alternativos nas súas principais vías de conexión. Este novo equipamento atoparase interconectado e interoperable, primando o seu carácter de utilidade e comodidade para os consumidores.

En concreto, prevese o desenvolvemento dunha rede de carga rápida e ultra rápida de mobilidade eléctrica que facilite o acceso e rapidez dos procesos de recarga, garantindo unha adecuada dispoñibilidade. Tamén se potenciará unha rede de estacións de recarga de combustibles alternativos nas principais vías de conexión. Ademais, haberá unha rede de provedores de hidróxeno para os diferentes vehículos que se irá implantando a medida que avance este tipo de mobilidade atendendo, nun primeiro momento, a áreas con frotas de vehículos con gran consumo e potencial de renovación (áreas industriais, portos, transporte urbano e metropolitano...), estendéndose, posteriormente, ao resto do territorio. Agárdase que as primeiras actuacións relacionadas coas infraestruturas eléctricas e de combustibles alternativos poidan comezar no segundo semestre deste mesmo ano.  

De xeito paralelo, avanzarase na busca de alianzas con outras administracións e axentes; a  colaboración con centros e empresas tecnolóxicas para o fomento de proxectos de I+D+i, que impulsarán o desenvolvemento industrial asociado ao sector da mobilidade e o transporte, aproveitando o seu carácter transversal en áreas como o turismo ou a produción agraria. 

Deste xeito, as medidas froito deste protocolo repercutirán nun maior aproveitamento do potencial renovable, nun mellor posicionamento e mellora da competitividade das empresas e industrias destas comunidades, así como na creación de novas oportunidades e nunha mellora da calidade de vida da cidadanía e do medio rural.  

Esta iniciativa enmárcase nos obxectivos fixados na Axenda Enerxética de Galicia 2030 relativos ao eixo dedicado á mobilidade sustentable; así como na Estratexia Galega de Mobilidade, que recolle o obxectivo de transformar o actual modelo para pasar a un máis funcional, máis sustentable ambiental e economicamente e máis seguro, apoiándose para iso na innovación tecnolóxica.

eMobility Challenges 2023

Por outra banda, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Oviedo no eMobility Challenges 2023: O futuro da mobilidade no corredor atlántico,no que se referiu a este acordo e na necesidade de traballar por unha transición enerxética planificada e ordenada que avance tanto na rede de infraestruturas como no uso de combustibles alternativos de xeito progresivo.

O director xeral avanzou que Galicia incluirá unha futura modificación lexislativa que estableza que as infraestruturas de recarga eléctrica e de hidróxeno de vehículos, así como as extensións ou reforzos necesarios na rede de distribución gozarán de prioridade na tramitación administrativa autonómica e redución de prazos á metade. Deste xeito, Galicia asume un claro compromiso co desenvolvemento da mobilidade sustentable.

Data de actualización: 28/03/2023