A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou hoxe nunha xornada do proxecto Upcycling the oceans

A Xunta salienta o compromiso do sector pesqueiro co coidado do medio ambiente tras recuperar máis de 700 kg de lixo mariño das nosas costas en 2022

Ángeles Vázquez valora que son xa 6 os portos galegos que participan nun proxecto pioneiro a nivel mundial, no que os pescadores recollen os residuos que caen nas súas redes e os levan ata os peiraos para o seu correcto tratamento

Sanxenxo (Pontevedra), 28 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia salienta o compromiso do sector pesqueiro co coidado do medio ambiente tras recuperar máis de 700 quilos de lixo mariño das nosas costas en 2022, tal e como subliñou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez durante unha xornada celebrada hoxe en Sanxenxo ao abeiro do proxecto Upcycling the oceans.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor que son xa 6 os portos galegos que participan neste proxecto pioneiro a nivel mundial que desenvolven a Xunta, Ecoembes e a Fundación Ecoalf. Así, aos portos da Coruña, Burela, Celeiro e Corme que xa formaban parte desta iniciativa únense desde hoxe os de Sanxenxo e Combarro -a través da Confraría de Pescadores de Raxó-.

Así, máis de 265 pescadores ao fronte de preto dun cento de barcos pesqueiros, ademais de desenvolver o seu duro traballo diario, recollen os residuos que caen nas redes e os levan ata os portos para o seu correcto tratamento. Deste xeito, os refugallos recollidos terán unha segunda vida grazas á reciclaxe dando cumprimento a un dos obxectivos fundamentais da economía circular.

Nesa liña, cómpre lembrar que cada ano 8 millóns de toneladas de lixo acaban no fondo do mar e que un dos refugallos máis abundante nos mares é o plástico. “Nun segundo tiramos unha bolsa ao mar e teñen que pasar 4 séculos para que esa bolsa se degrade”, incidiu a conselleira.

O traballo realizado ao abeiro deste proxecto súmase ao doutras iniciativas do Goberno galego, como, por exemplo, a que desenvolve a Consellería do Mar e que permitiu retirar máis de 235 toneladas de lixo mariño no último trienio.

Para concluír, e logo de agradecer o traballo que realiza Portos de Galicia, Ángeles Vázquez animou ao sector pesqueiro a seguir apoiando este tipo de iniciativas e a contribuír a que máis embarcacións se sumen ao coidado dos ecosistemas mariños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2023