A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Cualedro abordan a posible humanización da contorna da rúa Maior na Xironda

Ángeles Vázquez explica que esta actuación podería encaixar nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, abordaron o proxecto municipal para a humanización da contorna da rúa Maior na parroquia da Xironda durante unha reunión que mantiveron hoxe en Santiago de Compostela.

Segundo lle trasladou a conselleira ao rexedor, esta actuación podería encaixar nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, e se a Consellería decide apoiar o proxecto, o Goberno galego financiaría o 70% e o concello o 30% restante. 

Cómpre lembrar que desde a posta en marcha do plan Hurbe se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 415 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.  

Precisamente o Concello de Cualedro xa se acolleu a esta iniciativa para realizar actuacións como a mellora do pavimento e servizos da rúa da Igrexa na Xironda, a humanización da praza da Xuntanza na Pedrosa ou a construción dunhas piscinas municipais. De feito, a Xunta destinará 8,6 millóns este ano a seguir apoiando aos concellos neste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022. 

Por outra banda, a conselleira comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración co Concello de Cualedro nalgún proxecto municipal co fin de incrementar o actual parque público residencial do municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2023