Fernández-Tapias anuncia a construción de 409 vivendas de alugueiro social en Navia para reforzar o parque público da Xunta en Vigo

A delegada da Xunta mantivo unha xuntanza con representantes do colectivo social Os Ninguéns para abordar as accións do Goberno galego en materia residencial

Tamén informou da recente adquisición dun total de 18 novas vivendas na cidade que eran propiedade da Sareb e que están adxudicadas en rexime de alugueiro social

Vigo, 27 de marzo de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe que o Goberno galego ten previsto construír 409 novas vivendas de promoción pública en Navia destinadas a alugueiro social coas que reforzará o actual parque público residencial da cidade, integrado por 578 VPP adxudicadas xa en réxime de arrendamento, con prezos reducidos.

Así o trasladou a representante autonómica durante a reunión con representantes de Os Ninguéns, colectivo social vigués que se ocupa das persoas vulnerables e en risco de exclusión, cunha dedicación especial aos asuntos relacionados coa vivenda. A xuntanza serviu para intercambiar información sobre a política residencial que a Xunta está a aplicar no Concello de Vigo e as necesidades detectadas pola entidade social.

Nese senso, a delegada da Xunta indicou que, ademais do parque público de vivenda que mantén o IGVS en Vigo e as promocións que ten previsto construír entre 2023 e 2026, o organismo autonómico acaba de adquirir un total de 18 novas vivendas na cidade, que eran propiedade de Sareb e Abanca, e que están adxudicadas en réxime de alugueiro social.

Ademais, preto de 400 persoas residentes no concello de Vigo están a recibir o Bono de alugueiro social, que lles supón unha axuda do 100 % para o pago do alugueiro da súa vivenda durante un prazo de 12 meses ampliable ata un total de 4 anos.

Ademais, a Xunta de Galicia concede axudas para o pago do alugueiro, tanto a menores de 35 anos como, con carácter xeral, axudas para a adquisición de vivendas protexidas e en centros históricos e está a desenvolver a ampliación de San Paio de Navia, con solo para a construción de preto de 1600 vivenda protexidas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2023