O DOG publica hoxe o decreto da zona de concentración parcelaria de Escornabois, no concello de Trasmiras, que prevé reorganizar case 300 hectáreas de terreo

Este proceso declárase mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública a concentración parcelaria de Escornabois, no concello ourensán de Trasmiras. Deste xeito, prevese reorganizar unha superficie de 293 hectáreas repartidas en 2.632 parcelas propiedade de 711 veciños.

 

Así, cómpre indicar que este novo decreto de concentración parcelaria declárase mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

 

De feito, o municipio de Trasmiras sitúase na comarca da Limia, que destaca pola importancia do seu sector primario cunha importante implantación de explotacións gandeiras, ademais de cultivos de pataca, millo, cereal e hortícolas extensivos.

 

Ademais, cabe sinalar que neste concello desenvolvéronse un total de cinco procesos de reordenación parcelaria (Chamusiños, Trasmiras, Viladerrei, Vilar de Lebres e Zos), que supuxeron unha superficie total de 4.293 hectáreas concentradas cun resultado total de 7.230 predios de substitución e 5.258 propietarios beneficiados.

 
 
Enlace ao decreto:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230327/AnuncioG0426-170323-0009_gl.html

Data de actualización: 27/03/2023