Luis López destaca a aposta da Xunta polo emprego na comarca de Caldas na súa visita ao obradoiro Os Camiños do Camiño III

O delegado territorial en Pontevedra animou os 20 alumnos-traballadores, distribuídos nos módulos de Albanelería e Xardinaría-Forestal, a aproveitar esta oportunidade formativa para aprender un oficio e dotarse de máis oportunidades de futuro no mercado laboral
 

Esta iniciativa, que arrancou a finais do mes de setembro, acaba de cumprir a súa primeira fase, xa que esta edición prolongarase por espazo de doce meses, tres máis que as anteriores, e centra as prácticas laborais na recuperación e mellora da finca municipal de Segade
 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste 504.000 euros neste obradoiro de formato dual, que permitirá que os seus participantes obteñan tres certificados de profesionalidade relacionados directamente con cadansúa especialidade
 

Caldas de Reis, 27 de marzo de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe a “forte aposta” do Goberno galego polo emprego na comarca de Caldas a través do despregamento de políticas activas e formativas co gallo da súa visita ao obradoiro dual Os Camiños do Camiño III do Concello de Caldas de Reis, que acaba de superar o ecuador da súa actividade cando se cumpren seis meses dende o seu inicio. Neste senso, salientou que ese compromiso plásmase nun investimento de 504.000 euros nesta iniciativa por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

O representante autonómico, acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, e do alcalde, Juan Manuel Rey, animou os 20 alumnos-traballadores a “aproveitar esta oportunidade formativa para aprender un oficio e dotarse de máis oportunidades de futuro no mercado laboral”. Ademais, tamén agradeceu o traballo e a implicación das cinco persoas que conforman o equipo directivo, docente e administrativo desta iniciativa.

Este obradoiro de emprego, que arrancou a finais do mes de setembro, acaba de cumprir a súa primeira fase, xa que cómpre lembrar que esta edición será máis longa que en anos anteriores posto que se prolongará por espazo de doce meses, tres máis que antano, co obxectivo de favorecer unha formación máis asentada e completa nas especialidades de Albanelería e Xardinaría-Forestal, que son as que se están a impartir con dez participantes cada unha.

Os alumnos, que están a recibir información teórica no edificio de usos múltiples de Santa María, tamén están a aprender o desenvolvemento práctico dos seus respectivos oficios coa realización de actividades laborais orientadas á recuperación e mellora da finca municipal de Segade.

“O formato do obradoiro de emprego é moi interesante e transversal, posto que, ademais de ensinar un oficio aos participantes, tamén lles remunera cun salario ao longo do ano de duración e beneficia ao Concello e á sociedade en xeral coa posta en valor dun espazo público que estará nas mellores condicións para ser empregado polos caldenses”, detallou o representante autonómico, que tamén confirmou que todos os alumnos-traballadores que completen a súa formación recibirán, ao seu remate, tres certificados de profesionalidade específicos e relacionados directamente con cadansúa especialidade para favorecer a súa posterior incorporación ao mercado laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2023