A Xunta destina 850.000 € aos 15 concellos da contorna de Pontevedra ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución da Consellería do Medio Rural nunha visita de supervisión ás obras realizadas coa anterior convocatoria no viario A Bouza-Urxeira, no Concello de Poio, xunto ao alcalde, Luciano Sobral

O Concello de Poio recibirá este ano unha achega de case 50.000€ e xa dispuxo, ao longo dos últimos exercicios, de máis de 350.000€ ao abeiro deste programa de investimentos para a mellora de infraestruturas viarias rurais nunha decena de aldeas

“A Xunta vai colaborar, como todos os anos, na mellora dos camiños municipais de uso agrícola nos concellos desta bisbarra, o que é moi importante para facilitar a mobilidade interna e a destinada a estas tarefas do agro, e ademais este ano a partida consolida o incremento de máis do 20% aplicado o exercicio anterior”, sinalou o representante autonómico

Poio, 27 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, destina unha achega de 850.541 euros a prol dos 15 concellos da contorna de Pontevedra –que comprenden os da bisbarra capitalina, a ría de Pontevedra e Caldas sur– ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou hoxe desta resolución para esta zona nunha visita a Poio, onde supervisou as obras realizadas no viario entre as aldeas da Bouza e Urxeira, grazas aos fondos concedidos coa anterior convocatoria, na compaña do  xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, o alcalde, Luciano Sobral, e outros representantes municipais, aos que confirmou que a dotación deste programa para o seu concello sitúase este ano en 49.647 euros, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao exercicio precedente.

“A Xunta vai colaborar cos concellos, como todos os anos, e prevé inxectar uns 850.000 euros nestas bisbarras para a mellora dos seus camiños municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do agro. Ademais, a aposta polo apoio aos concellos volve saír reforzada, posto que se consolida o forte incremento de entre o 20% e o 30% aplicado o ano anterior”, sinalou o representante autonómico.

En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural distribuirá, na comarca das Terras de Pontevedra, 47.373 euros ao Concello de Barro, 47.862 euros a Campo Lameiro, 118.112 euros a Cerdedo-Cotobade, 65.567 euros á Lama, 72.850 euros a Pontevedra, os citados 49.647 euros a Poio, 43.502 euros a Ponte Caldelas e 49.333 euros a Vilaboa.

No que respecta aos demais municipios da contorna, a repartición de fondos do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024 outorga 48.706 euros ao Concello de Bueu, 46.060 euros a Marín, 55.773 euros a Caldas de Reis, 56.513 euros a Cuntis, 41.549 euros a Moraña, 54.205 euros a Portas e 53.489 euros a Sanxenxo. As axudas poden solicitarse ata o 3 de abril.

Visita á mellora na Bouza e Urxeira

Na súa visita ao municipio de Poio, o delegado territorial acudiu a supervisar as obras de pavimentación de camiños entre os núcleos rurais da Bouza e Urxeira, que foron executadas coa achega íntegra de preto de 49.000 euros do Plan Marco 2022-2023. Esta actuación consistiu na renovación do firme en diversos tramos desta pista, que se atopaban deteriorados pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía, e outras pequenas melloras.

Ademais, o Concello de Poio recibiu nos últimos anos, ao abeiro deste programa de investimentos da Consellería do Medio Rural, unha contía global de 350.000 euros, o que lle permitiu actuar nunha decena de pistas municipais nos citados lugares e noutros como Bando do Río, en San Xoán, Cabo Silleiro, Cabo Corrubedo, Coruxo, Camiño da Publicada, Covelo e Monte Covelo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2023