Emigración salienta en Salvador de Bahía ante case 200 persoas as medidas de apoio ás familias postas en marcha pola Xunta para favorecer o retorno

O responsable deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, comezou na sede da Asociación Cabaleiros de Santiago a xira polo segundo país do mundo con maior colectividade galega para dar a coñecer a Estratexia Galicia Retorna

Destacou que este documento conta con medidas sociais, laborais, formativas e de información e asesoramento que teñen como obxectivo axudar a que galegos do exterior poidan retornar coas súas familias garantindo unha inserción inmediata ao sistema educativo, gratuidade nas escolas infantís para os menores de tres anos e a Tarxeta Benvida que facilita 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do menor

No eido laboral salientou o programa Retorna Cualifica Emprego, que ten como obxectivo ofertar ata 400 postos de traballo cun contrato en man para os galegos do exterior e que desenvolve a Consellería de Emprego en colaboración coas fundacións Nortempo e Venancio Salcines

Salvador de Bahía (O Brasil), 26 de marzo de 2023 Salvador de Bahía foi a cidade brasileira elixida polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, para iniciar unha xira polo Brasil co obxectivo de presentar a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26, informando das vantaxes sociais, laborais e educativas que ofrece a Comunidade Autónoma para garantir a integración efectiva dos retornados e as súas familias en Galicia.

A estratexia, tal e como explicou Miranda, ofrece un cento de iniciativas de tódolos departamentos da Xunta de Galicia que afondan de xeito máis intenso no ámbito de atracción laboral e formativa. “A Xunta de Galicia é consciente de que se trata de dous factores, xunto ao social, imprescindibles para asentar poboación, dando así, aos posibles galegos interesados en volver, solucións ás súas necesidades e facilidades na súa adaptación á nosa sociedade”, explicou o secretario xeral da Emigración.

O titular do departamento autonómico salientou, neste sentido, que  programas como a Tarxeta Benvida, que garante 1.200 euros durante o primeiro ano do neno (e máis anos), a inserción inmediata dos menores no sistema educativo galego ou a escola infantil gratuíta ata os 3 anos, “facilitan a chegada á nosa Comunidade de familias con fillos que desexen apostar por Galicia como a súa terra de futuro”.

Ademais, no acto, estivo acompañado dos representantes das Fundacións Nortempo e Venancio Salcines, encargadas da xestión do programa máis novidoso, o Retorna Cualifica Emprego, que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que ten coma obxectivo, ofertar hasta 400 postos de traballo en Galicia cun contrato indefinido. O obxectivo desta iniciativa é casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados

Por outra banda, Rodríguez Miranda recordou que, a nivel formativo, nestes intres mantense aberto o prazo de solicitude doutra das medidas estrela do documento, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). Os interesados teñen ata o próximo 28 de abril para presentarse a unha das 250 prazas  que permiten realizar un máster nunha das tres universidades galegas.

A Estratexia Galicia Retorna conta cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto para seguir facendo de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2023