Rueda pon en valor o compromiso de Sentury con Galicia a través do impulso dunha planta de pneumáticos nas Pontes que xerará 750 empregos

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reuniuse en Santiago de Compostela co presidente do Grupo, Qin Long, para avaliar o avance da tramitación desta iniciativa, un dos catro proxectos industrias estratéxicos declarados polo Goberno galego

Ofrece o apoio da Administración autonómica para acompañalos na súa implantación na Comunidade co obxectivo de que inicie a súa construción este mesmo ano

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela co presidente do Grupo Sentury, Qin Long. Rueda puxo en valor o compromiso con Galicia demostrado por Sentury a través da implantación dunha planta de pneumáticos no concello das Pontes.

No encontro avaliouse o estado de tramitación desta iniciativa que, ademais, é un dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados polo Goberno galego. Entre outras vantaxes, esta figura supón carácter prioritario de tramitación, así como a redución á metade dos prazos establecidos no procedemento.

Rueda trasladou todo o apoio ao alcance das competencias da Administración autonómica -que está facendo un gran esforzo no eido da axilización e a simplificación para a captación de investimentos- para acompañar a Sentury en todo o proceso de instalación en Galicia co obxectivo de que poida iniciar este ano a súa construción.

O proxecto de Sentury nas Pontes consiste na construción dunha planta de pneumáticos de alto rendemento co obxectivo de alcanzar unha produción anual de 12 millóns de pneumáticos. Prevé un investimento de 531 M€, así como a creación de 750 empregos directos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2023