A Xunta convoca as axudas Erasmus complementarias para estudantes de ensinanzas artísticas superiores

O obxectivo é seguir impulsando a mobilidade deste alumnado para enriquecer a súa formación


A contía mensual oscilará entre os 125 e os 195 euros ao mes en función dos países de destino
 

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2023

Todos os estudantes galegos de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos beneficiarios das axudas do Programa comunitario Erasmus+ poderán obter as complementarias da Xunta de Galicia. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria destas bolsas, ás que a Xunta destina 40.000€, e que teñen como obxectivo é seguir impulsando a mobilidade destes estudantes para enriquecer a súa formación.

As contías das axudas complementarias oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses.

En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega e Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos e Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia e Turquía).

 
Prazo ata o 20 de abril

A solicitude da axuda deberá realizarse obrigatoriamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 20 de abril.

 

Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2022/2023 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores de Galicia e ser beneficiario dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade neste mesmo ano académico xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e máis o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.

Data de actualización: 26/03/2023