Galicia celebra os días europeos da artesanía con actividades de divulgación dos oficios artesáns

A través desta iniciativa, que se celebra do 27 de marzo ao 2 de abril, búscase achegar os oficios artesanais á sociedade


A Xunta, a través de Artesanía de Galicia, coordina o programa na Comunidade e colabora con diferentes propostas en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Buño, Ponteceso, Muros, Mondoñedo, Triacastela, Baiona, Oia, Gondomar e Niñodaguia
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023 Galicia súmase un ano máis á celebración dos Días Europeos da Artesanía, que terán lugar entre o 27 de marzo e o 2 de abril en 23 países europeos e no que a Xunta se encarga de coordinar o programa de actividades na Comunidade, no que participan máis de 50 obradoiros e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía.

 

Entre outras iniciativas, realizaranse xornadas de portas abertas en obradoiros artesanais, demostracións en vivo, exposicións, cursos de iniciación e actividades infantís. Ademais, Artesanía de Galicia colabora con diferentes actividades en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Buño (Malpica de Bergantiños), Ponteceso, Muros, Mondoñedo, Triacastela, Baiona, Oia, Gondomar e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo). O programa completo e toda a información acerca deste evento a nivel nacional pode consultarse na páxina web https://www.diasdelaartesania.es/

 
Actividades nas catro provincias

Do 30 de marzo ao 2 de abril, a Fundación Artesanía de Galicia organiza en Muros talleres participativos para todas as idades centrados no bordado sobre postais, con Minia Banet de Variopinto; na estampaxe manual téxtil, con Xiana Cobo; e na cestería tradicional con Julia de la Cal de La Parabólica.

 

En Santiago de Compostela, a Xunta apoia tres iniciativas de divulgación dos oficios artesanais. Na Rúa de San Pedro, organízanse cursos impartidos por Kinga Haudek, El Taller de Fer, Como pez en el agua e Brigantia Orfebres, e obradoiros abertos de Amorote Printing Workshop e Artesanía Silvent, estes dous últimos no Espacio Paciencia. Estas actividades celebraranse os días 31 de marzo e 1 e 2 de abril. Do 28 de marzo ao 1 de abril, Creativas Galegas organiza na súa tenda Mercado Galego da Creatividade, talleres de formación de coiro a cargo de Mocao, de ecoprint a cargo de Boro e de manipulado de papel con D Rositas, así coma os “Escaparates viventes” con demostracións de xoiería, con Soledad Mato; de téxtil, con Nobelo a Nobelo e La con agarimo; de coiro con Dona Formiguinha; e de forxado, con Asuntos Imaxinarios.

 

Tamén en Santiago, do 27 ao 31 de marzo, o CEE Manuel López Navalón acolle o programa “Artesanías no Navalón”, no que o seu alumnado poderá experimentar coa cerámica dos ceramistas Susana González e Carlos San Claudio; coa elaboración de tellas, co telleiro “O Buraco”; e mais cos instrumentos musicais tradicionais co Obradoiro Sanín.

 

Do 31 de marzo ao 2 de abril, a Xunta colabora coa Asociación Oleira de Buño que organizará neste centro de olería tradicional, en Malpica de Bergantiños, unha visita guiada polo museo de olería e mais unha xornada de portas abertas no taller que alberga a Casa do Oleiro de Buño. En Ponteceso, patrocinarase un taller de pirogravado sobre madeira a cargo de Ilex Talla, os días 1 e 2 de abril na Fundación Eduardo Pondal.

 

Na provincia de Lugo, a Fundación colabora coa Asociación Profesional Os Muíños de Mondoñedo nas actividades que organizan nas rúas da localidade lucense os obradoiros Estudio Estampa, Esquina Atlántica, Artesanía do Pasatempo, Ton Arenas, Miratú, Fernando Vilariño e Eiva, entre os días 27 de marzo e 1 de abril. En Triacastela, a Fundación apoia un obradoiro de xoguetes con Artesanía Silvent, o martes 28 de marzo.

 

Na provincia de Ourense, o 1 de abril celebrarase a III Fornada Tradicional de Niñodaguiao no Museo de Olería de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), así como un programa de demostracións en vivo e obradoiros abertos a cargo da Asociación de Artesáns de Ourense, que se celebran do 27 de marzo ao 1 de abril no seu local da rúa Colón. Os participantes serán os talleres Mario López, María Aba, Teté Mareque, Luciérnaga, Bangus, Rosa Fraíz e Olaría do Batán.

 

Por outra banda, a Fundación Artesanía de Galicia organiza en Sabarís (Baiona), o curso especializado “Conformado de sombreiros de feltro”, impartido por Nina Paulowsky, no marco do proxecto Menestralía, impulsado por Espacio Hylica para divulgar os oficios artesanais vinculados co traballo da la. No Museo do Mar de Galicia, en Vigo, realizaranse talleres participativos os días 1 e 2 de abril, a cargo dos artesáns Como pez en el agua, Peixesapop, Joyas de Papel, Carlos San Claudio e Roberto Piñeiro.

 

No CEIP Mestre Manuel García de Oia, organizaranse o martes 28 varios talleres participativos a cargo dos artesáns Areladefe, Joyas de papel, Cabuxa, Marta Armada e Nai Diseños. E en Gondomar, a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais organiza unha actividade de iniciación ao tecido artesanal no Centro de Desenvolvemento Local do Concello do 27 de marzo ao 1 de abril; e a Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías “A Escola” impartirá varios obradoiros de cerámica abertos ao público, os días 27 e 28 de marzo.

 
Outras actividades

Na programación dos Días Europeos da Artesanía están previstas outras 18 actividades de divulgación dos oficios artesanais impulsadas por outros colectivos. En Vigo, haberá unha xornada de portas abertas da Escola Municipal de Artes e Oficios EMAO; un obradoiro de encadernación na sede de Apamp; e demostracións nos obradoiros de Marcos Domato, Antonina Kadyrova e Xar Arte en Madera. No centro COGAMI Medelo (A Estrada) ofrécense catro obradoiros abertos nos seus talleres. Na provincia de Ourense, Julia de la Cal ofrecerá dous talleres nos CEIP de Pereiro de Aguiar e do Barco de Valdeorras; en Allariz organízase a exposición colectiva "De aquí e acolá"; e en Taboadela un obradoiro de iniciación á cerámica na Casa dos Oficios.

 

En Lugo, o Centro de Artesanía e Deseño organiza os Días Europeos da Artesanía arredor do Fogar de Reque, no que ofrecen obradoiros para todos os públicos, un taller de cestería e demostracións de artesáns. Haberá tamén un encontro singular en Santa María de Cabreiros, cos talleres Ceniza de papel e La Bellota Mágica, e unha demostración de coiro no taller de Raíces Nómadas, en Ribadeo.

 

En formato online, ofreceranse un taller de papiroflexia con Anaquiños de papel, e unha introdución á técnica do shibori a través da marca Abanico de Colores.

Data de actualización: 25/03/2023