O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o delegado territorial da Xunta en Ourense participaron esta mañá no acto de plantación e na inauguración do sendeiro

A Xunta remata os actos do Día Internacional dos Bosques cunha plantación simbólica na nova ruta granítica de Moura, en Nogueira de Ramuín

O director xeral destacou que o Plan Forestal de Galicia busca promocionar o uso social e turístico do monte, mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico

Esta ruta foi subvencionada pola Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- dentro das axudas do Plan Leader, poñendo en valor o patrimonio natural e cultural da parroquia de Moura
 

Nogueira de Ramuín (Ourense), 25 de marzo de 2023

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e do presidente da Comunidade de montes da parroquia de Moura, Rafael Rodríguez, participou esta mañá nunha plantación simbólica de árbores na nova ruta granítica de Moura, en Nogueira de Ramuín, inaugurada hoxe no marco do proxecto A Porta de Ribeira Sacra. Desta forma, danse por rematados os actos celebrados ao longo da semana con motivo do Día Internacional dos Bosques.  

Así, o director xeral destacou que o propio Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” busca fomentar un monte multifuncional onde se compatibilicen os usos económicos e sociais cos servizos ecosistémicos que achegan os bosques. Neste senso, subliñou que a través destas plantacións e da propia ruta búscase  promocionar o uso social e turístico do monte, mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico de forma progresiva, como é o caso desta ruta. De feito, sinalou, o propio Plan ten a previsión de 25.000 hectáreas de infraestruturas verdes nos vindeiros 20 anos. 

Precisamente, coa inauguración deste sendeiro circular promóvese esa dispoñibilidade de montes ou terreos forestais para fins sociais, educativos, ambientais e recreativos, compatibilizados coa potencialidade e utilización forestal dos mesmos, tal e como se indica no Plan Forestal de Galicia. 

Proxecto financiado polo Plan Leader

Esta ruta foi subvencionada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dentro das axudas do Plan Leader. Este proxecto -impulsado pola Comunidade de montes da parroquia de Moura- pon en valor o patrimonio natural e cultural da parroquia de Moura cara a actividades turísticas, como punto de partida para a diversificación económica da contorna. Neste senso, esta ruta permite recuperar o espazo natural e de conservación da biodiversidade dos ecosistemas dentro do espazo incluído na Rede Natura 2000. 

Desta forma, recupérase unha serie de sendeiros que forman unha ruta circular e permiten ao visitante percorrer a parroquia de Moura, partindo da praza do pobo de Alcouce e pasando por lugares significativos como As Codias, Penedo de Trigo, Penedo de Rufino, as Portas do Castro e Albariza Vella. Ten arredor de 7,5 quilómetros de percorrido e mediante cinco derivacións da ruta principal, pódese chegar ao Mirador da Lampa, entre outros puntos de interese.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2023