O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou na ‘VI Xornada da frota do cerco. Inspección e control de pesqueiras’

Galicia defende sistemas de control que garantan a trazabilidade dos produtos do mar sen obstaculizar o labor diario do sector

A Xunta lembra que a actividade pesqueira está sometida a unha extensa normativa e a numerosos trámites na súa operativa polo que avoga por evitar as duplicidades na elaboración de novas regulacións no ámbito marítimo-pesqueiro

Antonio Basanta salienta que a trazabilidade é un valor engadido dos produtos pesqueiros e un aval das boas prácticas da frota ao tempo que contribúe a contar con datos fundamentais para optimizar a xestión dos recursos

O Executivo galego destaca a necesidade de que o réxime sancionador ante posibles infraccións sexa xusto e equilibrado, fuxindo de casos que se teñen dado no pasado como sancións excesivas por faltas ou erros involuntarios que poden dificultar a actividade futura dos profesionais do mar ou de entidades asociativas do sector

Sada (A Coruña), 24 de marzo de 2023 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, defendeu hoxe a necesidade de que as novas normativas de control que se lle apliquen ao sector pesqueiro permitan avanzar no eido da trazabilidade dos produtos do mar sen obstaculizar o desenvolvemento normal da actividade e o traballo diario dos pescadores. Fíxoo durante a clausura da VI Xornada da frota do cerco. Inspección e control de pesqueiras, organizada pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga). 

O representante da Consellería do Mar lembrou que a pesca conta cunha extensa normativa que lle é de aplicación, especialmente en materia de inspección e control, polo que apostou porque no deseño de novas regulacións -como o regulamento de control europeo ou o anteproxecto de lei estatal para modernizar o control e loitar contra a pesca ilegal, entre outras- se faga un esforzo para evitar duplicidades e molestias innecesarias a un sector que se ve obrigado a realizar numerosos trámites na súa operativa diaria.

Antonio Basanta salientou a importancia de que haxa un control exhaustivo da actividade tanto para velar pola trazabilidade dos produtos do mar como para contar con datos completos e rigorosos que se poden empregar para optimizar a xestión dos recursos mariños. De feito, incidiu, eses datos serven para demostrar as boas prácticas do sector e tamén para argumentar a adopción de determinadas medidas de explotación.   

O director xeral de Pesca sinalou que na definición de novas medidas de control é fundamental que os profesionais do mar sintan que as autoridades que regulan e ordenan a actividade coñecen en profundidade a realidade do seu día a día, cousa que non ocorre, subliñou, en casos como o regulamento de control da pesca promovido pola Comisión Europea. Nesta liña, engadiu, non ten ningún sentido aplicar medidas como a xeolocalización á frota de baixura ou ao marisqueo, pois son dous sectores perfectamente controlados coa normativa vixente, ou a instalación xeneralizada de cámaras a bordo.

O representante da Xunta destacou ademais a importancia de que o réxime sancionar sexa xusto e equilibrado coa gravidade das distintas infraccións evitando situacións nas que se impida o desenvolvemento normal da actividade. Neste sentido, lembrou que se teñen dado casuísticas de sancións excesivas por faltas ou erros involuntarios en aplicación do artigo 10 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) -que prevé sancións como a imposibilidade de acceder a axudas ou a devolución das recibidas nos cinco anos anteriores- que poñen en risco o mantemento da actividade dos profesionais do mar e incluso de entidades asociativas do sector.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/03/2023