Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta pola aprendizaxe de linguas estranxeiras para que o ensino galego avance cara novas cotas de calidade

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na inauguración dunhas xornadas dirixidas a conectar ao profesorado coas últimas tendencias neste eido

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración das Xornadas de linguas estranxeiras, organizadas polo seu departamento e dirixidas ao profesorado que quere conectar coas últimas tendencias no ensino de idiomas. Non en balde, a actividade formativa conta coa participación de relatores de diferentes nacionalidades e contextos académicos, como Mark Daubney, profesor adxunto do Departamento de Linguas e Literaturas da Facultade de Educación e Ciencias Sociais do Instituto Politécnico de Leiria, ou Donna L. Fields, profesora na Universidade de Valencia, entre outros.

O representante da Xunta destacou a aposta que o Goberno galego está a facer para impulsar as competencias en linguas estranxeiras dos escolares a través da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030. Neste sentido, destacou que a aprendizaxe de diferentes idiomas se combina coa experiencia de diversidade cultural que supón contar con auxiliares de conversa nativos nas aulas e cunha ampla oferta de actividades como as estadías ou os intercambios. Todas estas accións permiten ao sistema educativo galego avanzar cara novas cotas de calidade, favorecendo a mobilidade internacional do alumnado e o seu éxito educativo.

Data de actualización: 24/03/2023