Augas de Galicia organizou esta semana actividades divulgativas sobre a importancia da auga e o saneamento coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Auga

A Xunta imparte talleres no CEIP Ponte do Porto de Camariñas para afondar no uso responsable da auga e nas boas prácticas para evitar a contaminación

O alumnado de 1º e 2º de Primaria coñeceu a importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela, ademais do funcionamento e características dunha depuradora

Os talleres incluíron presentacións e unha práctica de descontaminación da auga para trasladar aos alumnos os conceptos fundamentais dun xeito didáctico e entretido

Augas de Galicia impartiu onte un taller similar no CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas e realizou o mércores unha visita á depuradora dos Praceres co IES de Brión

O Día Mundial da Auga ten este ano como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación da necesidade de xestionala de forma sostible
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

A Xunta está a impartir no día de hoxe talleres no CEIP Ponte do Porto de Camariñas cos que os alumnos afondan no uso responsable da auga e nas boas prácticas para evitar a contaminación.

 O obxectivo desta iniciativa é aumentar a sensibilización ambiental entre os máis novos, fomentando a adquisición de coñecementos relativos á contaminación e á depuración das augas residuais urbanas. 

O alumnado de 1º e 2º de Primaria coñeceu a importancia da auga para a vida e a necesidade de protexela, así como o funcionamento e características dunha depuradora. 

Estes temas trasladáronse a través de presentacións didácticas e visuais, vídeos ou animacións co fin de acadar unha aprendizaxe doada e entretida. 

O taller tamén incluíu unha práctica de descontaminación da auga, que consistiu na creación de auga residual nuns recipientes e no simulado posterior dos elementos dunha planta real: filtración, rascado superficial, decantación, aspiración, axitación e aireación. 

Día da Auga

Esta xornada enmárcase nas actividades que Augas de Galicia impartiu esta semana para conmemorar o Día Mundial da Auga, este mércores 22 de marzo.   

O mércores, un grupo de alumnos do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía-STEAMbach do IES de Brión coñeceron, da man da Xunta, o funcionamento da depuradora de augas residuais dos Praceres, en Pontevedra. 

Na xornada de onte, os alumnos de 1º e 2º de Primaria do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas tamén participaron nun taller como o impartido hoxe en Camariñas. 

Ademais, os profesionais do sector industrial de Meaño asistiron a unha visita guiada á depuradora do municipio para coñecer o seu funcionamento. 

Con estas actividades, a Xunta celebra o Día Mundial da Auga, que ten como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida e concienciar á poboación da necesidade de xestionala de forma sostible. Este ano a meta é “Acelerar o cambio” e promove o avance na consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible 6: “auga e saneamento para todos”, como parte da Axenda 2030.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023