Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal responderon na comisión 7ª

A Xunta destaca o aumento do orzamento nas axudas da PAC e a súa aposta pola agricultura ecolóxica e o sector cárnico

José Balseiros destacou que se elevaron ata os 9 millóns anuais as axudas de agricultura ecolóxica -tras o acordo coas organizacións agrarias e co Craega- chegando a un presuposto total para a PAC 2023 duns 217 millóns

Tamén resaltou os 17 millóns de euros en axudas convocadas para o sector da carne para mitigar os efectos da invasión rusa de Ucraína, que se resolverán proximamente
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou hoxe na comisión 7ª do Parlamento o aumento do orzamento nas axudas da PAC que se veñen de convocar e a súa aposta pola agricultura ecolóxica no marco destas achegas vitais para o sector primario. Así, lembrou que o presuposto total duns 217 millóns de euros é superior ao doutros anos grazas -entre outras melloras- a que a partida de agricultura ecolóxica se elevou ata os 9 millóns de euros anuais, tras o acordo coas organizacións agrarias e co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia. Desta forma, e cos datos aportados polo Craega sobre a mesa, prevese que ningunha solicitude admisible de agricultura ecolóxica quede sen axudas.

 

Aínda no eido da PAC, José Balseiros apuntou que a Consellería do Medio Rural clasifica as explotacións gandeiras de vacún en extensivas, semiextensivas e non extensivas. O primeiro borrador do Real Decreto 1053/2022, do 27 de decembro recollía unha axuda asociada a gandeiros extensivos de vacún de carne, que substitúe a anterior axuda para explotacións que mantiñan vacas nutrices. Este requisito de ser explotación extensiva supuña a perda da axuda de nutrices para as explotacións semiextensivas ou non extensivas, pois no anterior período da PAC non se tiña en conta o sistema produtivo das gandarías para pagar as axudas ás vacas nutrices. Nesta liña, segundo apuntou, o Fondo Galego de Garantía Agraria defendeu perante o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación que se eliminase esa esixencia, xa que exclúe a gran parte dos gandeiros galegos, sen que se chegase a atender esta petición.

 

En todo caso, o director xeral recordou apoios decididos da Xunta ao sector cárnico como os 17 millóns de euros convocados co gallo de mitigar as consecuencias da invasión rusa de Ucraína. Unha medida extraordinaria e excepcional para compensar as dificultades económicas do sector por mor do incremento dos custos de produción derivado da alteración do mercado internacional de materias primas e subministracións, e que se resolverán proximamente.

 

Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, referiuse á próxima presentación ante o Consello Forestal de Galicia do borrador do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2023, para posteriormente levalo ao Consello da Xunta.

 

No referido ao cronograma de implementación dos novos sistemas operativos de extinción de incendios, explicou que o sistema estrutural de mando operativo (Semop) é un sistema de mando de incidentes especialmente deseñado para a extinción de incendios forestais en Galicia que xa se está a aplicar desde o ano pasado. Segundo apuntou, é directamente aplicable polo Servizo de prevención e extinción, xa que foi creado tendo en conta a estrutura, procedementos e funcións das distintas categorías profesionais do noso dispositivo. Dende a súa implantación, impartíronse xornadas específicas nos distritos forestais e figura transversalmente tanto na formación do dispositivo como nos simulacros que se realizan.

 

Por último, durante a súa intervención, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, tratou a xestión do monte da serra da Capelada, no concello coruñés de Cedeira. O director xeral sinalou que este grupo de montes forma parte do catálogo de montes de utilidade pública dende o ano 1901 e que se adheriron ao consorcio entre a Deputación Provincial da Coruña e o Patrimonio Forestal do Estado para a repoboación dos montes desta provincia.

 

Deste xeito, estes montes destínanse a diversos usos e existen instrumentos de ordenación ou de xestión forestal, segundo apuntou. A modificación do Plan de Ordenación do monte Capelada e Couce atópase en fase de tramitación administrativa, mentres que os correspondentes a Lume e Da Braxe foron aprobados e inscritos no Rexistro de Montes Ordenados.

Data de actualización: 24/03/2023