A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao centro a supervisar os traballos xa finalizados

A Xunta inviste preto de 30.000 € na substitución de varias ventás no CEIP Plurilingüe O Ramo, de Fene

A intervención, orientada a mellorar o illamento térmico do centro, consistiu na instalación de oito novas ventás, un ventanal e un portal de acceso

As obras enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica a través do que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten actualmente en marcha actuacións por valor de case 5 M€ en centros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

Fene (A Coruña), 24 de marzo de 2023 A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do xefe territorial de Cultura, Educación, FP e Universidades, Indalecio Cabana, achegouse esta mañá ata o CEIP Plurilingüe O Ramo, onde a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades procedeu á substitución de varias ventás cun investimento de 27.700 euros.

Concretamente, instaláronse oito novas ventás, un ventanal e un portal de acceso, segundo puido comprobar Aneiros durante a visita que contou tamén coa presenza da directora do centro Noemí Carballo. Os traballos están orientados a mellorar o illamento térmico do inmoble.

A delegada territorial puxo en valor o investimento “co que deste a Xunta seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos con obras de maior ou menor envergadura, dirixidas a garantir unhas instalacións confortables e dotadas con todos os medios necesarios para a aprendizaxe dos escolares”, dixo.

As obras executadas no centro fenés, enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está modernizando os centros de ensino, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas actuais. A través deste plan, no que entre outras actuacións se inclúe a reforma integral do CEIP Juan de Lángara e a mellora do IES Catabois, a Consellería ten actualmente en marcha traballos en centros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal valoradas en preto de 5 M€.

O CEIP Plurilingüe O Ramo conta actualmente con 142 alumnos, 42 escolarizados en Educación Infantil e 100 en Educación Primaria. Neste centro traballa un equipo de 22 persoas, 18 mestres e 4 profesionais non docentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023