A Xunta abrirá en Vigo este ano un dos polos da rede autonómica de emprendemento e apoio ao emprego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacaron hoxe a importancia de que Vigo albergue unha destas oficinas por ser unha cidade estratéxica para toda Galicia

A Rede, que contará con 15 polos antes de que finalice 2023, xa ten en activo cinco que dan cobertura a máis de 140 concellos, o 45 % da comunidade galega

Desde xullo de 2022, cando botou a andar esta iniciativa, ofreceuse xa asesoramento especializado e permanente a máis de 220 persoas, axudándoas a desenvolver 209 proxectos empresariais

Vigo, 24 de marzo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciaron hoxe que a cidade olívica contará este ano cunha das oficinas da Rede autonómica de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa a través da que se está a ofrecer asesoramento especializado e apoio para impulsar proxectos empresariais por toda a xeografía galega. A Rede albergará antes de que finalice este ano un total de 15 polos, un deles, polo tanto, en Vigo por tratarse “dunha cidade estratéxica para toda Galicia”, segundo remarcou Lorenzana.

A Rede, que botou a andar en xullo de 2022, conta na actualidade con cinco polos en activo que dan cobertura a máis de 140 concellos, é dicir, o 45 % da comunidade galega. En menos dun ano de funcionamento ofreceu un asesoramento permanente e especializado a máis de 220 persoas axudándoas a desenvolver 209 proxectos empresariais, dos que permanecen en activo 162. A conselleira puxo en valor que un 57 % destas iniciativas empresariais son lideradas por mulleres.

Os novos proxectos que se están a desenvolver enmárcanse en sectores moi diferentes: a agricultura, a gandaría, a silvicultura e a pesca (17 %); o comercio (16 %), a hostalería (12 %) ou as actividades científicas e técnicas (8 %). “É un bo abano de exemplos que nos demostran as múltiples oportunidades para emprender por conta propia que existen en Galicia”, apuntou Lorenzana.

A conselleira sinalou que a Xunta continúa a incidir nas políticas de emprendemento ás que destina este ano máis de 18,2 millóns de euros, ao que se suma o orzamento dirixido ao traballo autónomo e á economía social en Galicia que suma en 2023 máis de 60 millóns de euros.

A conselleira destacou que a aposta do Goberno galego polas persoas traballadoras autónomas e polos emprendedores forma parte da nova Estratexia de Emprego da Xunta de Galicia, Xempre Contigo, un novo enfoque que avoga por un mercado laboral máis interconectado, formado e dinámico.

Venres dos polos

O anuncio desta nova oficina de asesoramento ao emprendedor en Vigo tivo lugar na primeira xornada dos Venres dos polos, unha actividade que organiza a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego para poñer en valor o talento emprendedor co que conta Galicia e fomentar o intercambio de coñecementos e a divulgación a través de voces expertas. Hoxe, Venres dos polos contou coa participación do mentor Mario López Guerrero, experto no eido do emprendemento en Galicia.

 

A Rede de Polos naceu co propósito de impulsar a fórmula emprendedora en Galicia, ao tempo que tamén ten como reto casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social de Galicia; dinamizar o mercado de traballo, creando esa interacción entre os ámbitos rurais e urbanos; fixar poboación no territorio; e apoiar a consolidación de negocios viables e sostibles que enriquezan a contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023