A Xunta fai pública a aprobación dos proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo de Carzoá e O Seixo

Na aldea modelo de Carzoá, en Cualedro, perfílase como actividade principal os cultivos de horta e de ciclo curto e explotación gandeira

Na aldea do Seixo, na Gudiña, establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións da Consellería do Medio Rural pola que se fan públicas as aprobacións dos proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo de Carzoá, no concello de Cualedro, e O Seixo, na Gudiña.

Así, este proxectos de ordenación produtiva configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

No caso da aldea de Carzoá, en Cualedro, perfílase como actividade principal os cultivos de horta e de ciclo curto e explotación gandeira. Como actividades secundarias, tería os cultivos complementarios ao aproveitamento gandeiro e tamén cultivos leñosos como froiteiras, fundamentalmente castiñeiro para froito. Tamén se establece un ámbito de protección integral no ámbito da contorna do xacemento catalogado da Cidá, facendo así compatible o aproveitamento agrario sustentable e a protección do patrimonio cultural. Neste caso, a figura da aldea modelo abarca un perímetro de 53,68 hectáreas arredor do núcleo que busca dinamizar, distribuídas en 389 parcelas de 215 propietarios.

Pola súa banda, na aldea modelo do Seixo, na Gudiña, na zonificación establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola. Como actividade secundaria, tería castiñeiro para froito empregando variedades micorrizadas para a obtención de cogomelos. Neste caso, a aldea modelo abrangue 30,6 hectáreas, distribuídas en 223 parcelas de 76 propietarios.

Estes proxectos poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O enlace ás resolucións no DOG:

-Aldea modelo de Carzoá (Cualedro):

 

-Aldea modelo do Seixo (A Gudiña):

Data de actualización: 24/03/2023