A conselleira do Mar participou na presentación do observatorio submarino ‘Nautilus’ no peirao vigués

A Xunta enxalza o labor do Porto de Vigo como exemplo internacional de innovación ambiental e sustentabilidade

A titular de Mar salienta que o novo visor constitúe unha idea pioneira que embelecerá a contorna portuaria sen restar operatividade ás instalacións e axudará á divulgación e concienciación medioambiental


Celebrou a aposta da Autoridade Portuaria pola arquitectura sostible e verde nas súas infraestruturas, así como pola integración do porto na cidade
 

Vigo, 24 de marzo de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o intenso labor da Autoridade Portuaria de Vigo en materia de sustentabilidade e innovación ambiental, levando a cabo proxectos como o observatorio submarino Nautilus que se presentou hoxe na cidade viguesa. “Un proxecto científico pioneiro que embelece a contorna portuaria convertendo os peiraos e diques en verdadeiros xardíns submarinos sen restar operatividade ás instalacións e que servirá de modelo para outros portos”, asegurou.

Trátase dunha iniciativa que nace con dous obxectivos, o divulgativo, coa organización de obradoiros e actividades para promover o coñecemento e a comprensión dos ecosistemas mariños do porto e os seus habitantes, e o de concienciación ambiental, a través das visitas guiadas que realizará a Fundación Traslatio.

“Supón unha oportunidade non só para o mundo científico, senón tamén para a cidadanía, xa que todos poderemos converternos en observadores da rica flora e fauna das augas desta contorna portuaria como nunca antes se puidera”, destacou Rosa Quintana.

O observatorio submarino forma parte do proxecto Living Ports, unha iniciativa única que sitúa a terminal viguesa como pioneira na posta en marcha de actuacións de mellora de ecosistemas e de captación de CO2. Nesta liña, a titular de mar destacou que o Porto de Vigo é un dos poucos que conta coa categoría de greening port a nivel nacional.

Ademais, celebrou que Nautilus se enmarque na aposta da Autoridade Portuaria pola arquitectura sostible e verde das súas infraestruturas de cara ao futuro e que siga no camiño de construír un porto plenamente integrado na cidade.

Esta iniciativa súmase á estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth impulsada nos últimos anos polo Porto de Vigo, o primeiro da Unión Europea en instaurar este concepto de xeito integral a prol do mar como motor da economía polo seu gran potencial innovador e de crecemento de xeito sustentable e respectuoso co medio ambiente.

Living Ports

O observatorio Nautilus intégrase no proxecto Living Ports, coordinado pola empresa ECOncrete en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo, o estaleiro Cardama Shipyards e a Universidade de Dinamarca. Esta iniciativa conta xa con varios premios como o outorgado pola Asociación Internacional de Portos ata en dúas ocasións.

Este recoñecemento engádese a outras actuacións desenvolvidas en colaboración coa Universidade de Vigo que tamén foron galardoadas. Entre elas, o proxecto PuertAlMar –para divulgar e sensibilizar sobre a importancia de conservar os hábitats mariños– e o Peiraos do Solpor de Bouzas –baseado na transformación de infraestruturas grises da contorna portuaria en verdes–, que recibiron premios da Comisión Europea e a Asociación Internacional de Portos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/03/2023