A Xunta colabora na mellora dos espazos naturais e da eficiencia enerxética do Concello de Nogueira de Ramuín

A directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Ourense visitaron a localidade para coñecer as actuacións realizadas no marco do Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11 M€

O Goberno galego investiu o pasado ano preto de 88.700 euros na renovación da instalación eléctrica da casa consistorial e na conservación, reposición e restauración do ambiente na contorna da Serra e regato da Corveira e nas beiras do río Loña a través das liñas competitiva e non competitiva do FCA

A maiores, ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público destináronse 33.600 euros á mellora, ampliación e cubrición do parque infantil

Nogueira de Ramuín (Ourense), 24 de marzo de 2023 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a localidade de Nogueira de Ramuín para coñecer as melloras realizadas polo concello co apoio da Xunta, no marco do Fondo de Compensación Ambiental.

A través desta liña de axudas dotada con máis de 11 M€, o Goberno galego investiu o pasado ano 73.771 euros na renovación da instalación eléctrica e da iluminación da casa consistorial, e na contratación de persoal de mantemento dos espazos naturais.

Segundo sinalou a directora xeral, as obras executadas no edificio municipal teñen como obxectivo reducir a contaminación lumínica, garantir un mellor funcionamento dos equipos tecnolóxicos e reducir o consumo enerxético. Así, cambiáronse todos os elementos obsoletos da instalación eléctrica e instaláronse luminarias LED, ademais de iluminación de emerxencia.

Canto á contratación do persoal de mantemento dos espazos naturais, Natalia Prieto indicou que co apoio a este servizo se busca facilitarlle ao concello o labor de limpeza e roce das masas forestais circundantes aos núcleos de poboación e ter así un maior control sobre a biomasa nos accesos, áreas públicas e faixas de protección.

Este proxectos sumáronse en 2022 ao de conservación, reposición e restauración da contorna da serra e regato da Corveira, así como das beiras do río Loña, desenvolvido de xeito conxunto co concello do Pereiro de Aguiar e no que a Xunta colaborou con 15.000 euros. A maiores, no marco da orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 M€, o Goberno galego destinou 33.600 euros á mellora, ampliación e cubrición do parque infantil.

Máis de 1,5 M€ investidos en Nogueira de Ramuín

A directora xeral destacou a importancia de ambas as liñas de axudas para garantirlles a todos os galegos e galegas infraestruturas sustentables e de calidade, así como unha contorna nas mellores condicións. Ao abeiro das distintas medidas de apoio ao eido local, o concello de Nogueira de Ramuín recibiu nos últimos anos máis de 1,5 M€. A esta contía súmanse as achegas anuais do Fondo Base de Cooperación Local, que en 2022 foi de 183.242 euros.

Natalia Prieto incidiu no compromiso da Xunta coas administracións locais, como principais canles para atender as necesidades básicas da cidadanía e garantir a protección dos espazos naturais. Así, referiuse ao orzamento global destinado polo Goberno galego ao eido local, que suma neste exercicio 564,3 M€, un 15,5 % máis que en 2022, entre os 143,4 M€ do Fondo de Cooperación Local (FCL) e as ordes de subvención dos distintos departamentos autonómicos

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2023