O Diario Oficial de Galicia publica a ampliación de prazo para a solicitude das axudas para actuacións de eficiencia enerxética nos aloxamentos turísticos ata o 2 de maio

Estas axudas, dotadas de 7,8 M€, están destinadas a hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos

Teñen como obxectivo seguir fomentando un turismo sostible e a favor do medio ambiente

Santiago de Compostela,  24 de marzo de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución polo que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas. As axudas acadan os 7,8 millóns de euros e teñen como obxectivo seguir fomentando un turismo sostible e a favor do medio ambiente. Esta resolución entrará en vigor hoxe mesmo.

 

O 2 de decembro de 2022 publicouse no DOG as axudas cun prazo de presentación de ata o día 30 de marzo de 2023. Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, resulta aconsellable, para promover e facilitar a participación neste procedemento, ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 2 de maio de 2023.

 

As axudas están  destinadas as pequenas e medianas empresas que sexan propietarias de edificios destinados a aloxamento turístico, no que están incluídos hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos. As actuacións deberán contar cunha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida e coa mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono. Os beneficiarios terán un ano para executar as obras dende a resolución positiva da concesión das axudas.

 

Así, os aloxamentos turísticos galegos poderán levar a cabo actuacións como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; a mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios; así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

Data de actualización: 24/03/2023